A ÚLTIMA Asemblea do Bloque apostou pola idea de máis BNG e menos partes . Na perspectiva desta transición parecía configurarse e traballar a nova Executiva, pero no escaso tempo transcorrido algunhas desas partes semellan amosarse unha miga incómodas. Como nunca antes, nestes meses a estructura de partidos xera problemas que xa non son internos senón públicos. Mostra elocuente foron as críticas públicas da UPG á actuación do portavoz do BNG no último debate parlamentario ou o nerviosismo cando Camilo Nogueira expresa a súa opción de que facer máis BNG significa difuminar os partidos; por non lembrar o intento de relegar a Beiras antes da cita congresual. O Bloque está conformado por un conxunto de tradicións e correntes nacionalistas e democráticas progresistas que se xuntaron con enorme éxito no Proxecto Común. O nacionalismo así agrupado nunca imaxinara, por separado, acadar o goberno de seis das grandes cidades nin situarse ás portas do goberno da Xunta. Da xestión cara ao futuro dese triunfo derivan as diferencias actuais e tamén os medos. A fórmula do éxito labrouse con xenerosidade e coa decantación electoral das diversas tradicións do nacionalismo. Ven sendo a mesma fórmula coa que está a avanzar a esquerda no mundo, de Brasil a Alemaña: un conglomerado de forzas e tradicións heteroxéneas reunidas a partir da derrota creativa que se adaptan a convivir en estruturas complexas, diferentes dos partidos clásicos. Nese mesmo camiño, o BNG estaba a poñer as bases para fraguar a fórmula, primeiro ao expresar a súa vocación de permanencia alén dunha fronte conxuntural e, no último congreso, dando o paso de definirse como organización unitaria, en coherencia coa lóxica da súa presentación social e electoral e das demandas da maioría da súa militancia. Pero polo visto dende entón semella que a xestión dos éxitos é tan difícil como a dos fracasos.