A memoria

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

24 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

RECENTEMENTE, falando cuns amigos, saiu o tema da memoria e a necesidade de que fique rexistrada para a correcta limitación do camiño do home. Recordabamos que a nosa civilización responde a unha cultura culta na que temos instrumentos que recollen o que aconteceu no pasado que nos condiciona. Son medios de información que aportan a experiencia histórica que enriquece o noso coñecemento, a nosa labor, as nosas vidas, medios dos que carecían as culturas primitivas e o que entendemos, de xeito non moi preciso, como cultura popular, o que o inglés Thoms definiu como folclore , palabra hoxe denostada por meter nela falsos conceptos e cousas que poden alegar e aceptar o pobo chá, como o flamenquismo, certas galegadas... que non son populares, senón degradacións das culturas actuais. Falouse da Guerra Civil e do exilio, que agora estase descobrindo a súa excepcional realidade. Aí está a exposición do exilio no madrileño Palacio de Cristal, con interminables colas para vela, o que obrigou a prolongala un mes máis. Tódolos días aparecen novos datos sobre a Guerra Civil e o exilio, que nos falan da gran labor que deixaron polo mundo adiante mentras España a perdía, sobre todo para as novas xeneracións que empezaron a instruirse a partir do ano 36 nunha historia falsa que durou 40 anos, que deixou xentes que aínda hoxe mostran ese lastre. Por exemplo, cando se fala de autonomía ou federalismo en relación cos dereitos históricos que configuraron e mantiveron ate hoxe as culturas diferenciadas dos pobos periféricos, e pensan que é unha invención dos nacionalistas, ignoran que o peor nacionalismo que padece España é o mesetario, que non parou até que separou a Portugal, exacerbou a cataláns e vascos e a nós nos mantivo como aldeas de León e Castela. Comentamos como un dato salientable que o rei don Juan Carlos e o presidente Fox acaban de recoñecer o gran aporte do exilio español á cultura latinoamericana, recoñecemento que fixeron ó firmar un convenio para a constitución da Cátedra José Gaos na Universidade Autónoma de México. Acto que ennoblece unha vez máis o facer patriótico de don Juan Carlos. Como anécdota hai que rexistrar que a integración no México do filósofo exiliado José Gaos levouno a sustituír a súa condición de desterrado, que el era, pola de transterrado, o que ten creado problemas de entendemento entre os exiliados. Entre os males que padece Galiza están non só o de ser dique das mareas negras e da tolerancia da colonización dos nosos recursos, tamén de ser exemplo da desmembración histórica, o que anda nos escritos e nas mostras gráficas. Aínda estes días alguén nos reprochou non prestarnos a ese xogo da desmemoriación. Se non recuperamos a historia, como unha historia máis, os males do pasado poden repetirse. En canto á Guerra Civil, a penas haberá algún que pense na revancha. Practicamente todos a temos superado e non hai problema de entendemento cos fillos dos nosos máis encarnizados nemigos doutro tempo. Certo que aínda fica algún que pon o berro no ceo cando descobre males que tiña agachados o franquismo (contra estes estamos en garda), mais a culpa é de quen está a calar a historia, pois quen a agacha semella que agarda resucitar unha nova guerra civil.