Culpable, o Exército

OPINIÓN

PÁXINAS SOLTAS

23 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A PRIMEIRA reacción que eu tiven cando saltou ás páxinas dos periódicos o caso da soldado que sufriu abusos por parte dun tenente foi pensar: «Iso non llo fan a un home». Pero cando se trata do Exército, a cousa non é tan clara. Nunha institución rixidamente xerárquica na que a pedra angular é a obediencia ó superior e o principio de que as ordes non se discuten nin se razoan, senón que se acatan, o perigo de caer no abuso de autoridade é moito maior que en calquera outra organización civil. En teoría, o Exército está sometido á Constitución e non se poden dar ordes que vaian contra os seus principios, pero, na práctica, só nese ámbito se entende que unha persoa obedeza a orde de espirse ás tantas da mañá para someterse ó que se chama a proba do frío . Algunha xente dubida da sinceridade da soldado porque non pode entender que unha persoa ordene tal cousa e que outra obedeza. Os que non teñan experiencia persoal do paso polo exército poden ler Ardor guerrero de Muñoz Molina ou ver Sendeiros de gloria de Kubrick, para facerse unha idea de ata onde pode chegar a irracionalidade da obediencia dentro do Exército. Chegados á situación extrema da violación, a muller soldado está aínda máis indefensa que o colega masculino, por menor forza física para defenderse e tamén pola situación de minoría das mulleres nun ambiente predominantemente masculino. A sospeita de consentimento, cando non de insinuación ou provocación é algo que tende a maniatar e silenciar á víctima do abuso. Neste caso, a solidariedade dos soldados homes coa súa compañeira decidiu á víctima a acusar ó superior. Das súas declaracións dedúcese que o seu non é un caso isolado, e que o desexo de acabar cunha situación que outras padeceron animouna a seguir adiante. A única saída digna que lles quedaba ós mandos era o castigo exemplar do culpable. En vez de eso, intentaron botar terra e liquidar o asunto cunha condena ridícula. Este non é o camiño para conseguir o respecto da sociedade civil.