20 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

ASÍ SE titula un poema de 1963 escrito por Avelino Díaz en Buenos Aires, quizais lembrando o rapaciño labrego que el fora nunha aldea de Riotorto antes de emigrar ós doce anos. Eu aínda canto ás veces a estrofa final, tan solidaria: «Polos zocos pesantes que che firen os pés,/ pola murcha neneza i esa dor que refrexas,/ polos fondos degoros de agarimo que tes.../ ¡anxeliño labrego, benzoado ti sexas!». Cántoa coa música que lle fixo, alá polo 1970, Xerardo Moscoso, daquela estudiante de Medicina en Santiago e hoxe actor de cine en México, onde -fillo de emigrantes- nacera. O poema incluíno eu na miña antoloxía de 1967 Trinta anos de poesía crítica (1936-1966) , escolma, por certo, prohibida pola Lei Fraga Iribarne, que é como chamabamos, coloquialmente, á Lei de Prensa e Imprenta do 18 de marzo de 1966. Copias mecanográficas da antoloxía circularon nalgúns medios estudiantís e unha delas chegou ás mans do meu camarada Xerardo Moscoso, que se entusiasmou co poema labrego de Avelino Díaz, poeta da nosa diáspora que moi poucas persoas coñecían. Era unha persoa moi querida na Galicia republicana de Buenos Aires e un poeta moi estimado na colectividade galega. Cando en xullo de 1969 fun á Arxentina, unha das primeiras visitas miñas foi ó fogar de don Avelino, xa daquela con moi pouca saúde. Morrería dous anos despois. Conservaba aínda, nos ollos, lóstregos de bondade, a virtude que todos lle recoñecían. Sempre que teño ocasión, animo ós estudiosos da literatura galega da diáspora a que se acheguen á obra poética de Avelino Díaz, merecente, sen dúbida, de alguén que non aforre esforzos para indaga-las peripecias da súa vida de autodidacta (Santa Comba de Órrea, 1897-Buenos Aires 1971), para atopa-los seus inéditos e para recolleita-la súa obra dispersa. Hoxe estou de noraboa. Onte chegou ás miñas mans o libro de Marivel Freire Avelino Díaz: unha voz comprometida na Galicia emigrante , volume que contén unha ampla escolma dos seus poemas, na que non escasean os inéditos. Verbo deste volume é de xustiza salientar que foi editado por uns brigadistas das causas culturais: polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego. Eu sabía que a profesora Marivel Freire, especialista en poetas da nosa diáspora, estaba entre os grandes valedores de Avelino Díaz, pero ignoraba que posuíse tanta documentación sobre o noso escritor. Cómpre aclarar que non é o primeiro achegamento da autora á obra de Avelino Díaz. En 1999, no Congreso compostelán do Exilio Literario, presentou un relatorio no que acollía, entre éditos e inéditos, 36 poemas de Avelino Díaz sobre Castelao. No volume de hoxe hai inéditos especialmetne valiosos, entre eles dous trípticos de sonetos: execratio dun crego pouco cristián, o primeiro, e laudatio dun crego bo cristián, o segundo. Excelentes son os tres sonetos nos que, en plena Guerra Civil española, denuncia a situación de Galicia baixo a bota da represión: «Hoxe, mártir, d'espiñas coroada». Por esas datas publicaba Castelao aquel alegato lírico e tráxico que titulou Galicia mártir .