CANDO VIN Minority Report pensei que Steven Spielberg quixo facer unha crítica da sociedade actual norteamericana. A película ten un ritmo tan trepidante e un argumento tan disparatado que non deixa tempo a pensar mentres se está vendo, pero aínda así, había un par de detalles que a min me deron a impresión de que aquelo ía de crítica. Esto non é raro nun director que, despois de conseguir o éxito popular, pretende conseguir o respecto da progresía intelectual, como se veu coa súa colaboración con Kubrick. O que pasa é que cada un é cada un, e as cousas non son tan sinxelas que con pretendelas se consigan. A idea non era mala: no fondo do que trata a película é dun proxecto de goberno que pretende controlar absolutamente á sociedade, ata o punto de deter ós que van cometer un delicto antes de que o cometan. E xunto con esto algún detalle, como esa escena na que o protagonista nada máis entrar nuns grandes almacéns é saudado polo seu nome a través da megafonía. A min lembroume esas felicitacións de santo ou cumpreanos que un recibe de tendas ou de institucións das que non sospeitaría que posuíran os nosos datos. Ciencia ficción Todo esto queda diluído nunha trama policial de ciencia ficción na que a maioría dos espectadores acaban perdidos. Pero velaí que agora a película estréase en Cuba cos prácemes do presidente, que recibe (e castiga) ó director e acompañantes cunha conversa de oito horas no Palacio da Revolución. Din os que entenden de política internacional que esta estrea enmárcase nunha política de Fidel Castro de contactar con empresarios e intelectuais americanos nun intento de recuperar as relacións co Goberno. Os cubanos falsificaron entradas e acodiron a centos para ver a película e ó director. Parece claro que a posible crítica da obra non inqueda ós mandatarios da sociedade americana nin cubana. Kubrick era outra cousa. E é que non se pode servir a dous amos nin facer arte só con boas intencións.