A PIQUES de comezar a matanza do porco non podo deixar a ocasión de dedicar este artigo o animal que máis ten feito por tódolos galegos. Xa di o refrán que a todo porquiño lle chega o seu san Martiño. E xa estamos próximos. Tempo haberá de comentar moitas das delicias que saen deste animal, pero, nesta ocasión, cómpre salientar dúas: a zorza e o raxo. De todos é coñecida a afección pola comida dos galegos e galegas, e alí por onde un vai é frecuente atopar un bar que lle ofrece tapas e racións de raxo ou zorza. Pero tamén hai hostaleiros que nun afán castelanizante apuntan «Hay rajo y zorza». Conséguese, así, irritar o estómago de moita xente. O substantivo *rajo é un falso castelanismo, porque esta palabra non existe en castelán. Dicir ou escribir rajo é, xa que logo, incorrecto nas dúas linguas. A forma correcta en galego é raxo, substantivo que significa 'cada unha das dúas tiras de carne magra que están situadas ó longo do lombo do porco, unidas ó espiñazo'. Raxo refírese tamén ó 'anaco de carne fresca de porco'. Esta palabra tradúcese en castelán como lomo de cerdo. De xeito semellante, cando se fala da zorza (Ayer comimos zorza con patatas) estase recorrendo a un substantivo galego. Escúsase, pois, de buscar esta forma nun diccionario castelán porque non existe. En galego zorza é a 'carne de porco picada e adobiada para facer chourizos e outros embutidos' (Onte comemos zorza fritida con patacas). Lembren, o que non mata o porquiño non ten lacón nin touciño. falar.ben@lavoz.es