Testamento vital

| MANUEL REGUEIRO TENREIRO |

OPINIÓN

05 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTAMOS ACOSTUMADOS, nos nosos hospitais, a ver cadros nos que se informa sobre os dereitos e deberes do paciente . Se acudimos a unha consulta, previa a unha intervención cirúrxica, témo-la información do que se nos vai facer , ademais presentarannos para asina-lo noso consentimento informado. Son estas unhas mostras da crecente mellora da calidade asistencial e profesional do noso sistema sanitario. Asemade son desenvolvementos das lexislacións sobre dereitos vitais. Todos sabemos o que é un testamento xeral: documento de carácter legal en que unha persoa deixa constancia do que desexa que se faga co que lle pertence, despois da súa morte. Aquí estamos a referirnos preferentemente ós bens externos, pero posuímos outros bens máis íntimos: a nosa propia vida e os nosos órganos vitais, e sobre eles tamén se pode testar: ese é o testamento vital. Hai relativamente pouco (en 1967, un avogado de Chicago, L. Kutner, falou do Living Will ) xa se empezou a reflexionar sobre este testamento específico. Quérese dicir que, mentres estamos en condicións adecuadas -como no testamento xeral-, podemos tomar decisións sobre o final da nosa vida e sobre o destino dos nosos órganos vitais (se foran aproveitables). As directrices anticipadas do final da vida son o aspecto máis coñecido deste testamento ; pero pódese ampliar a ese outro aspecto de doazón de órganos. Con este documento facilítase ese momento que pode resultar moi difícil para quen estea a ocuparse de nós. Existen formularios de diversos tipos e procedencias -a Conferencia Episcopal Española ten un redactado (1989)-. Nesas fórmulas, ademais dos datos, sinaturas, testemuñas, designación de albaceas, etcétera, acostuma establecerse algunhas disposicións relativas a: rexeitamento de técnicas e medios terapéuticos extraordinarios, petición de tratamentos para paliar a dor, non prolongación da vida innecesariamente, destino dos nosos restos corporais, etcétera, é dicir, tómanse as previsións necesarias para acadar unha morte digna.