Cara a La Hechicera

OPINIÓN

A VIAXE de Caracas a Mérida iníciase con inconvenientes. O avión é pequeno e a compañía aérea non permite levar a bordo máis ca carteiras. Cómpre facturar a equipaxe mínima de quen se despraza só por uns días aos Andes venezolanos. Con tremor de hélices e ás, o bimotor colle altura a moito custo, supera morros de arxila e montañas cubertas de fronde maxestosa, rota aquí e alá por asentamentos irracionais, ata se perder entre nubes. Unha hora despois xorde a inmensidade andina por cima do mar de algodón, onírico, que fai imaxinar chuvia embaixo. O piloto fai afociñar á aeronave e, entre orballo, vense mesetas flanqueadas de montañas bicudas. No medio da deforestación está Mérida, plana e longa, cuadriculada, paralela a barrancos medoños nos que se afunden os ríos. A toma de pista é brava. En terra non aparece a equipaxe. Un tipo grandallón berra, quéixase (e comunica aos seus socios que vén de comprar no Uruguai unhas boas vacas). Por fin aparecen as maletas, entregadas a man «porque la cinta está dañada»... Un paso rápido polo hotel; e logo un carro vello que ruxe gabeando cara ás alturas de La Hechicera, onde está a peculiar universidade de Mérida, facedora de milagres telemáticos. Déixase atrás desorde e lixo de barrios periféricos, pásase unha rechamante praza de touros, «con mucha tradición», e pouco máis arriba, á metade do camiño, o carro estertora, afogado, falto de osíxeno cando se aproxima aos 1.800 metros sobre o nivel do lago Maracaibo. O taxista ponse a fozar no carburador, tira pezas, xura, desarma... Pasa o tempo á raiola primaveral entre nubes e os pasaxeiros protestan: van chegar tarde ao seu encontro universitario. Daquela o taxista para unha guagua que fumea pola costa de La Hechicera e pide que lle dea transporte aos clientes defraudados. Así acadan estes as alturas do campus, impresionantes, abraiantes, ilustradas de antenas parabólicas baixo a mole atroz do Humboldt na que reloce, cando as nubes o permiten, unha lingua de xeo eterno.