A tardía conversión de Fraga

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

24 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

DESPOIS do embate lanzado polo PNV, que ten alporizada á sociedade española, vén agora CiU coa proposta dun novo Estatuto para Cataluña. Decatámonos da escalada autonomista que seguiron tanto Euskadi como Cataluña, e de que, por diversas razóns e con diferentes métodos, conseguiron o recoñecemento e abundantes concesións do Goberno do Estado. Galiza, pola contra, non seguíu o camiño das súas irmás como nacionalidades históricas e segue a ser a irmá pobre. Os orzamentos son máis baixos e os adiantos non chegan. Nin AVE, nin actualización dos aeroportos, nada. Galiza-Penélope non avanza. Tampouco medra o seu prestixio e a súa intervención estatal. Cando os cataláns afirman que queren intervir no goberno de España, Galiza non conta para nada. O nacionalismo catalán continúa coa súa teima de ampliar en lugar de reducir, aplicando á política a coherencia do mercado. Sen ceder un chisco da súa identidade, non dubidan en compartir tarefas co Goberno español, como xa fixeran no pasado. Artur Mas, o sucesor de Pujol, propuxo a reforma do Estatuto que supere o marco actual, e a cambio CiU estaría disposta a entrar no executivo central. E isto, segundo as propias palabras, nace da irrenunciable determinación de lograr unha Cataluña sen límites e que non renuncia a nada. Galiza, comparada con Cataluña, e non digamos con Euskadi, perde competencias políticas. Esta situación é, en gran parte, debida ao comportamento antinacionalista do PP galego e ás convincións centralistas do presidente galego, que renegou do papel que lle correspondía e non reivindicou o nacionalismo desde a dereita, como fixeron PNV e CIU. Fraga debeu estar ao lado de Pujol, con quen podería compartir, ademais da experiencia e o peso político, un papel preponderante ante o Goberno do Estado. Fraga, ao asumir a presidencia da Xunta, debeu esquecer o seu pasado en Madrid e as súas antigas conviccións para cumprir a súa función como presidente da nación galega, que, precisamente por ser tal, tiña un presidente. Estaba obrigado a ser coherente co seu cargo. Agora acaba de caer do cabalo, estilo San Pablo, pero tarde, moi tarde. Decátase do nulo poder que ten en Madrid como presidente de Galiza e comproba como son rexeitadas as súas novas teses autonomistas. Nin a participación nos órganos de decisión da UE, nin a xestión dos fondos europeos, nin a reforma do título VIII da Constitución, nin a xestión dos aeroportos, nada, ningunha das propostas de Fraga foi aceptada en Madrid. Xa é tarde para que o seu fillo político, Aznar, ceda ante as súas demandas, e coa fachenda que o caracteriza non deixará de confundir a súbita lucidez paterna cun síntoma de chocheira. Fraga insiste en que vai dar sorpresas. Ben vidas sexan. Non dubidamos de que lle sobran folgos para iso e artes políticas tamén. O que lle falta é tempo.