REPRESENTAN o goberno posible da esquerda. O primeiro pode convertirse en presidente do Brasil; o segundo ven de revalidar a súa participación no goberno alemán. Ambos os dous son a expresión da nova esquerda que procedendo da vella rachou con ela nos anos 70. Os Trabalhistas no Brasil e os Verdes en Alemaña encarnan unha visión da esquerda antiautoritaria que racha co leninismo organizativo e se desprende das componentes estalinistas, que renuncia á veleidade insurreccional e asume o sistema democrático como campo de xogo no que realizar o vello ideal igualitario que dende a Revolución francesa caracterizou á esquerda. Unha esquerda renovada que conflúe coa socialdemocracia tradicional sen renunciar a incorporar novas preocupacións xeracionais que, como o ecoloxismo e o pacifismo, ao cabo son de interese social universal; de aí o o seu éxito. Semella que atoparan a difícil fórmula de gobernar sen renunciar aos seus principios e, máis aínda, ensinan cómo facer o tránsito de posicións antisistema á conquista democrática do goberno para modificar o sistema. Son un exemplo, que algúns aínda non dan aprendido, de como recuperar o ideal de libertade que certa esquerda esqueceu despois da Revolución rusa. Fronte á teoría da avangarda leninista empéñanse en expresar os intereses complexos da maioría social para acadar o goberno conquistando a hexemonía nas urnas. Non precisan, pois, enmascarar as súas ideas para defendelas nin alentar programas ocultos porque o seu programa, alén de presentable, desperta por si mesmo unha nova vaga de ilusión social. Substitúen o mito da revolución pola realidade da construcción. Son realistas, pragmáticos pero non renuncian á radicalidade das súas aspiracións nin son falsamente moderados. Son unha boa menciña para as nomenklaturas nostálxicas.