El Greco

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS

20 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CON MOTIVO da exposición dos apóstoles pintados por Doménico Theotokopoulos, coñecido por El Greco, que se celebra na Fundación Barrié, ocórreseme anotar algo certo e outras cousas probables. Non se sabe moito deste home pintor. Moitos dos formidables retratos que deixou non están atribuídos, e moita da pintura de pequeno tamaño non se sabe se todas son obras da súa man ou do seu taller, incluso copias nas que puido colaborar o seu fillo. Logo de agradecer á Fundación Barrié este regalo, cómpre recordar o que se sabe como certo: que naceu en Creta, que viviu uns anos en Venecia e outros tantos en Roma antes de instalarse en Toledo. Sábese, segundo a testemuña que deixaron outros, e isto debe interpretarse así, que non entendeu a Miguel Anxo, ó que considerou como un bo debuxante que non sabía pintar. El formárase na escola veneciana de Ticiano e do Tintoreto, sensual e colorista, de onde arrancará o camiño cara ó impresionismo pasando por Velázquez e Goya, camiño ben alleo ó formal e debuxístico de Buonarroti. O seu carácter e a realidade que se atoparía na España debeu ter unha relación difícil. A partir da súa morte, a súa obra entrou nun largo periodo sen maior consideración ata que o modernismo empezou a fixarse nela. Mais é Manuel Bartolomé Cossio quen, a principios do século XX, fai a investigación fundamental sobre o pintor e o home, o que representa un esforzo da Institución Libre de Enseñanza á que lle debemos tanto. Que o traballo de Cossio é o primeiro e fundamental neste tema, do que arrancan tódolos demais, fan fe delo, entre outros, Gaya Nuño, Moreno Villa, Gregorio Marañón, Meier Graefe, Bronstein, Sánchez Cantón, Lafuente Ferrari, Camón Aznar, W. Weisbach... Cossio casou con Carme, filla de López-Cortón e Xulia Viqueira (recórdese: posibilista dos primeiros Xogos Florais e do Album da Caridade). Natalia, filla dos Cossio, casou con Alberto Jiménez Frau, e todos conviviron con Xoham Vicente Viqueira na finca de San Victorio que levantou López-Cortón en San Fiz de Vixoi (Bergondo). Noutro país esto sería un dos principais santuarios da cultura a conservar. Ben, pois é acó na finca de San Fiz de Vixoi onde Cossio escribiu El Greco . E fírmao así para a primeira edición: «San Victorio, 1 septiembre 1907. M.B.C.». Outro perfil nos ten interesado a Luis Seoane e a min ¿Quen era El Greco? ¿Por que veu instalarse a Toledo? Cando nace El Greco había 49 anos que os Reis Católicos expulsaran ós xudeus e conquistaran Granada, botando ós mouros e facilitándolle a queima dos libros musulmáns ó seu reverendo servidor Cisneros. Os xudeus levaban 1500 anos vivindo na penínsua e os granadinos 760. ¿Non hai algo de limpeza étnica practicada polos poderes da caste que se instalou na meseta, do que se librou a Galiza bracarense? Os xudeus tiñan e teñen un gran valor por Sepharad, como chaman a España. Os sepharditas, que conservan parte da nosa cultura, aínda agardan hoxe o seu recoñecemento de españolidade. Doménico Theotokopoulos podería ser fillo ou neto dun sephardita, que non renegaran da súa condición pero añoraban á España, e ese Toledo con pedras impregnadas do seu ser. Disfrazado de pintor italianizante pintando moitos santos para poder vivir. Ten un fillo con Jerónima de las Cuevas, mais non aparece o sacramento católico do matrimonio como se quixera dicir: ata aí non chegamos.