O SUBSTANTIVO peón utílizase en castelán e en galego co mesmo significado: 'obreiro non especializado'. Non obstante, na lingua galega serve tamén para designar á 'persoa que vai a pé', sendo sinónimo de viandante . Constitúe un erro empregar, entón, o castelanismo *peatón para referirse á 'persoa que camiña pola rúa' (Dous peóns foron atropelados por un conductor ebrio) . Deste xeito, en galego escríbese paso de peóns , non *paso de peatóns . Tanto no DRAG98 como nos diccionarios Xerais (2000) e Cumio (2001), peón aparece recollido como substantivo masculino. De acordo con isto, é incorrecto en galego variar o xenéro do artigo para referirse ó feminino (a peón) , e mesmo empregar unha forma rematada en -a (a peona) , como corresponde a moitas palabras galegas co masculino en -on (lambón, lambona; abusón, abusona). Da forma peón (do latín pedo, pedonis ) deriváronse os adxectivos peonal e peonil , (non *peatonal ) se ben é máis empregado peonil (Estas rúas son agora zonas peonís , non zonas *peatonais ). O portugués e o italiano conservan tamén os seus respectivos derivados do latín: peão (portugués), pedone (italiano). Ningún dos diccionarios mencionados incorpora o substantivo peonalización e o verbo peonalizar , que, sen embargo, adoitan utilizarse na prensa no canto dos casteláns *peatonalización e *peatonalizar , respectivamente. falar.ben@lavoz.es