KAMILA Valachova ten trinta e seis anos. Estudiou ciencias económicas no seu país, Eslovaquia. Vive nas montañas, nunha zona máis ben turística, a menos de cen kilómetros da capital, Bratislava, e veu a España (e a Galicia) para aprender español. Móvese en cinco idiomas: alemán, ruso, polaco, castelán e eslovaco. O seu interese era a industria turística, aínda que dende hai un par de anos traballa nunha empresa de investimentos e movementos financeiros na Rede, como operadora e analista. De cando en vez recibo noticias dela por correo electrónico. «A nosa esperanza é Europa», comentoume nunha ocasión. Xa están nas portas. En dous anos, segundo as previsións iniciais, a Unión Europea anuncia a súa ampliación a dez membros máis: 25 en total, o que configurará sen dúbida un novo espacio político, social, cultural e económico. En termos políticos o proceso é impecable. O vello tratado do Carbón e do Aceiro, que xorde logo da Segunda Guerra Mundial, configurado despois en Comunidade Económica, naceu coa idea decidida de establecer, ademais dun mercado de libre cambio, un espacio político, plural, moderno e competitivo capaz de cohesionar estados, países e culturas diversas arredor dunha memoria común, superadora dos nacionalismos particularistas e, ó mesmo tempo (e valaquí a dificultade), respetuosa coas súas identidades e singularidades. A ferida da Gran Guerra estaba demasiado recente e a vontade política dos seus promotores era lograr algún día unha fraternidade europea nova. ¿Cómo opoñerse a un proxecto así? Outra cousa é a súa realización. O motor da nova Europa está a ser, nos últimos anos, un motor basicamente económico. Iso non é necesariamente negativo, porque sobre os intereses materiais cohesiónanse tamén as sociedades. Pero os desequilbrios son evidentes. E ás veces prodúcense espellismos. Unha sociedade desequilibrada (un mercado desequilibrado) é unha sociedade rota, de funcionamento difícil, e aí é onde a política ten o seu papel. ¿Aproveitou Galicia estes case que vinte anos de transación de fondos europeos? As cifras que daba onte este periódico son especialmente reveladoras. Arredor de 750 millóns de euros anuais (case que 125 mil millóns de pesetas) recibíu a nosa comunidade, en distintos conceptos, para financiar a necesaria política de recuperación e dotación de infraestructuras coas que incorporarnos a esa nova realidade, na que agora anuncian a súa presencia dez novos estados do Leste. Autoestradas, pistas, saneamento das cidades e do rural, recuperación de espacios urbanísticos e naturais, equipamentos turísticos, tecnoloxía, etc, financiouse cos diñeiros europeos. Boa parte do crecemento económico e do desenvolvemento social (do cal presumimos) baseouse non na nosa capacidade de producir riqueza interior, senón neste concepto transitorio, circunstancial, que rematará, cando menos nas cantidades que comentamos, no ano 2007. ¿Somos conscientes os galegos do valor e da significación desa contribución comunitaria? ¿Xestionamos axeitadamente eses investimentos? Digo máis, ¿estamos preparados para convivir (e competir) coas Kamilas Valachovas no novo espacio interior que anuncia o século?