Para os que reciclan...

OPINIÓN

DENDE que o mércores lin a noticia non deixo de pensar que podo ser unha das afortunadas. Quizais empeore a miña relación cos veciños, porque a competencia será dura. Pero saber que, se reciclo ben o lixo, podo gañar, nada máis e nada menos que unha fin de semana nunha casa de turismo rural tenme ilusionadísima. A partir de agora non haberá brik, plástico ou lata que se me resista. O obxectivo: o colector. En galego, aínda que é habitual atopar escrito *contenedor, as formas correctas para designar ó 'recipiente onde se deposita o lixo' son colector e contedor (Na cidade instaláronse uns colectores de cor verde), se ben algún diccionario rexeita contedor. Tampouco é correcto na lingua galega utilizar o substantivo castelán *basura. Débese substituír por lixo. Palabra esta última que, ademais de ter o significado de 'restos ou residuos inservibles', pode empregarse para referirse a 'calquera partícula de po ou doutro material que se mete nos ollos e produce molestias'. Con este sentido é sinónima de argueiro e de aruxo. Outro termo que provoca vacilación no uso é vertedeiro. Tanto este como vertedoiro son correctos en galego e comparten os mesmo significados: 'Lugar onde se verte algo', 'sitio onde se bota ou amontoa o lixo', 'pía destinada a lavar a vaixela', 'desaugadoiro'. (A cidade necesita un novo vertedoiro/vertedeiro; Non fregues os pratos no vertedeiro/vertedoiro, para iso mercamos o lavalouzas...). Para os que reciclan, para os que non reciclan, para todos. falar.ben@lavoz.es