A conservación no rural

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS

29 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

«Capilla, patín y ciprés pazo es» O PAZO NON era unha casa solariega, fidalga, pra presumir e disfrutar dela, aínda os seus escudos e outras ornamentacións. Ademais de non permitir a deturpación da arquitectura histórica en países cunha maior cultura sobre a conservación os motivos hidroxeolóxicos e paisaxísticos mandan: non construír no cumio dos montes pra non interromper o perfil natural do terreo, nin nas costas do mar nin nas orelas dos ríos, nin aos lados das vías principais: non construír nin destruír terreos cultivados, bosques e viñedos, nin facelo en 20 anos en terreos destruídos polo lume... Ademais destas limitacións o problema noso é outro: tanto os pazos como os rueiros cumprían unha función social e económica de defensa nun país tan abandonado como o noso durante séculos. Noutras notas anteriores escribín sobre a estructura económica dos rueiros. Hoxe debería engadir máis queixas pois estiven estes días por Bastavales a visitar á viúva de Ramón Esturao, o capitán das milicias galegas morto no exilio. Ela, Adelina Santaló, filla dun catedrático e político catalán, exilados os dous en México. Adelina veu traer as cinzas do seu home á terra na que nascera, pois 50 anos de exilio non foron capaces de borrar o seu amor por ela. Ben, pois peligran os rueiros desta terra privilexiada, amorosamente construídos en pedra cos camiños emparrados apoiadas as cruxías en canzorros labrados na mesma pedra. O clima excepcional da bisbarra e o ficar preto dunha vila importante deturpada pola especulación con ese mostrario de mal gosto feita en materiais ruíns imitando outras ou chapeadas coas mesmas pra imitar que son sillares auténticos... Voltando ao principal destas notas: os pazos, cómpre tentar saber algo da función que tiñan. Hoxe chámanlle pazos aos edificios de gran prestancia, máis trátase dun tema pouco estudiado. Sen pensalo chámaselle pazo ao de Raxoi, edificio neoclásico da praza do Obradoiro, por exemplo. ¿Ten patín? Non. ¿Ten ciprés? Non ¿Ten capela? Non, aínda que ten un retablo interno. Así «pues» Raxoi «pazo no es». Raxoi é un palacio. Non é que esto fique ben definilo. Por aquelo de que o pazo era a residencia dunha certa fidalguía rural, rematou chamándoselles pazos ás residencias fidalgas nas vilas e por aí chamándolles pazos a todo o que tiña unha prestancia señorial, como o pazo do Daián, etc. Mais o pazo, temprano paço tamén en portugués, representa a cabeceira dunha propiedade de explotación agrícola. Na pranta baixa estaban as cuadras, as bodegas, os lagares. No superior andar, ao que se accedía, xeralmente, por unha escaleira exterior chamada patín, vivían os donos. Preto do pazo en casiñas máis modestas estaban os caseiros e peóns que eran os que cultivaban as terras e atendían aos animais. Solían ter escudos en pago de méritos conqueridos nas guerras, outros eran eclesiásticos, algúns representarían só a antecedentes familiares, e outras preeminencias estarían mercadas con cartos. Pazos e rueiros representan un antecedente social e económico que non se tivo en conta e así podemos ollar o abandono da nosa terra rural. Sen os coñecementos que hai hoxe producíanse froitos exquisitos, e agora temos que importar outros peores. Nos falla unha verdadeira contabilización da dinámica productiva dos nosos recursos, para saber que é o que traballa por Galiza.