Erasmo e as mulleres

OPINIÓN

PÁXINAS SOLTAS

28 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ACABA de inaugurarse en Salamanca unha exposición sobre Erasmo de Rotterdam en España, de gran interese pola época que trata, a do descobremento dun novo mundo americano e do mundo cultural grecolatino, que abría as portas pechadas do medioevo, e tamén polo interese do gran humanista holandés, do home que foi considerado a conciencia de Europa. Erasmo, xunto con Lutero, con quen polemizou, foi o pensador que máis influiu no pensamento do seu tempo e dos inmediatos. Moi crítico co poder eclesiástico, as súas obras fustigaron duramente a papas, obispos e clérigos que non respectaban a pureza evanxélica. El abogaba por un cristianismo interior, libre de cerimonias rituais, que se centra na figura de Cristo. Considera a paz un ben en si mesmo e abomina da guerra. Nun dos seus máis famosos adaxios di: «Dulce bellum inexpertis», a guerra é doce só para quen non ten experiencia dela. Moitas das súas ideas resúltannos hoxe próximas e simpáticas. É mágoa que o seu pensamento sobre as mulleres non fose máis atinado, pois este gran home pensaba que son «un animal en verdade estulto e necio, aínda que cheo de gracia e dozura», máis ou menos como un gato ou un canciño, un animal doméstico de quen «a presencia no fogar atenúa e adoza coa súa necedade a rixidez do talante varonil». Era contrario á instrucción feminina que consideraba tan inútil como levar un boi a combatir na palestra. A muller é necia por natureza e querer facerse sabia so aumenta a súa necedade. Esto di no seu libro máis famoso, o Eloxio da loucura , do que xa en vida do autor se fixeron cuarenta edicións. As posteriores son incontables. Erasmo non podía deixar de coñecer o catálogo de mulleres ilustres publicado por Boccaccio (De mulieribus claris) . Un pregúntase, ¿de onde sacou tal opinión sobre as mulleres? Orfo dende neno e cura sen vocación, dispensado dos votos por Xulio II, quizais non tratou máis mulleres ca algunhas necias e doces consoladoras da súa soedade. Así, compréndese.