Da Galicia de alén mar

| FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO |

OPINIÓN

24 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

SABIDO É que entre Galicia e América fóronse abrindo, no decorrer do tempo, as rutas migratorias que atravesaban o mar Atlántico. Durante centos de anos, ese mar afastaba a ámbolos dous mundos. Pero ó se producir a migración masiva dos galegos, deixou de o ser. Galicia, terra madrugueira, botouse a andar cara os novos horizontes. As xentes do noso país, innominadas, foron escribindo sobre as augas oceánicas unha chea de odiseas. O galego emigraba porque o solar natal non lle fornecía un mínimo nivel de vida. Emigraba cunha ilusión: a de se redimir do traballo sen compensacións, ó que estaba tradicionalmente suxeito. Porén, ó se trasplantar, xurdía de contado na súa alma a lembranza dos eidos perdidos. Había unha realidade que non podía negárese a admitir: que a súa aldea seguía existindo. Que todo seguía igual nela. Que os veciños ían e viñan por onde foran e viñeran. Que ningunha catástrofe destruíra os recantos natais, as cousas coñecidas e amadas, as vellas esencias da terra inesquecible. En materia de catástrofes, non distinguía outra que a personal: a da súa autoextracción da enxiva propia, para se asentar noutra como un dente postizo. De nada servía que os de alá, inxenuos despistados, envexasen a súa sorte. Porque mentras eles, familiares, amigos, envexaban o que ignoraban, el envexaba o que coñecía ben. A creación de algo difícil embebía as horas do emigrante no mundo que escollera para se ceibar da precariedade. Pero aínda así, vivía cismante cos lugares que abandoara, co campo que sentía e traballaba. Con todo, os emigrantes galegos mantiveron unha presencia activa nos países ultramariños en que asentaron. Na Arxentina foron milleiros e milleiros de galegos anónimos os que repoboaron o seu sangue, fornecéndolle seiva e forza tonificante. Por iso, Buenos Aires chegou a ser a cidade galega de máis ampla poboación. Nela mantívose vivo, con rexas floracións, o espírito de fidelidade á terra natal. O afán co que os galegos bonaerenses se asociaron en agrupacións parroquiais e comarcais, significaba o culto rendido a unha vedraña tradición. Podería parecer a algúns espíritos superficiais que os anos e o alonxamento o levaban todo. Pero o certo é que sobrevivía o que vencellaba ós emigrantes co cerne do noso ser. O amor ó solar orixinario nunca chegou a se desintegrar de cheo. Mesmo os desarraizados non acadaron borrar a súa imaxe, nin de se perfilar nun azul de lembranza. Nos galegos asentados no alén mar ecoaba fonda a voz de fisterra. Escoitando, velaíña ou fortemente, esa voz, souberon mantérense fieles á lon-xana, amada noiva verde. Mercede a esa voz, transmitida polo delgadísimo fío da saudade, o diamante da fé galega non se crebou. A través do camiño da cultura, a Galicia do Plata serviu tamén ó progreso da Galicia fistérrica. Elo, sen deixar nunca de servir ó país de residencia. Nos días de agora, o que resta da poboación emigrada, os fillos e netos dos que finaron, precuran a viaxe de retorno. A crise do país rico que os acolleu, empobrece, empúrraos ó reencontro cos eidos que outrora se viron forzados a abandoar. A miseria, o desamparo que andan a sofrir na xigantesca colmea da cidade bonaerense, avivecen o soño do reintegro ó mundo dos devanceiros. A Galicia emigrada debece polo regreso ó seo da Galicia de aquí.