Fractura social

MANUEL REGO NIETO

OPINIÓN

20 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

AÍNDA QUE as cousas non lle andan de todo ben a ETA -a Deus gracias-, pois o acoso policial é forte e eficaz en España e en Francia, e a organización terrorista está a alistar á rapazallada da kale borroka , dunha cousa si coido que se deben sentir satisfeitos. Explícome. Se fracasaron como defensores da clase obreira vasca, se Navarra cada día está máis lonxe do seu proxecto expansionista, se o respaldo social baixou nas urnas, hai algo do que deben estar orgullosos : de ter conseguido dividir á sociedade vasca en dous. Uns, que ollan cara outro lado e din vivir ben, logo das monsergas do fascista Xabier Arzalluz e da controvertida pastoral dos bispos póndose do lado dos nacionalistas. Outros (o 50% restante) calan por medo, porque se senten vixiados como nos tempos do socialismo irreal da URSS, e cos dereitos cidadáns elementais sen exercer, e coa vida en perigo. Este é, ó meu xuízo, o éxito temporal de ETA, pois os políticos gobernantes só acertan no labor policial. ¿Onde está a imaxinación ó poder ?