SORPRÉNDEME a escasa repercusión que na prensa escrita tiveron as declaracións de Josep Lluis Carod Rovira, secretario xeral de Esquerra Republicana de Catalunya, un partido que concita simpatías, dentro e fóra do seu país, polo feito de facer referencia, na súa denominación, a dúas ideas básicas na historia do humanismo político: a idea de esquerda e a idea de república, tan vencellada, nos mellores teóricos, á res publica , a cousa publica, entendida esta como causa pública (pois cousa ven do latín causa ). Debo recoñecer que nun principio crin que as declaracións do señor Carod Rovira (que ETA non mate en Cataluña) considereinas apócrifas, crenza que desapareceu cando tiven noticia de que el mesmo as confirmou. Tamén debo confesar que pouco sabía da etopeia (retrato moral) do señor Carod Rovira, pero agora non creo equivocarme se afirmo que non é digno de ser dirixente de ningún partido e menos, moito menos, dun partido, por definición, republicano e de esquerdas (o que é, en certo modo, unha redundancia). Argüirá o señor Carod Rovira que el quere o ben para Cataluña, sentimento, neste concreto caso, inicuo e ó que respondeu, coa elocuencia debida, Javier Rojo, responsable de Política institucional do PSOE: «Nuestra patria es la Humanidad». A casuística Se a cuestión non fose tan grave, tan tráxica, a min gustaríame saber cál foi a casuística que lle expuxo, na súa petición, a Arnaldo Otegi, coordinador de Batasuna. No seu humanismo rexionalista, señor Carod Rovira, ¿ETA tiña licencia para matar a Ernest Lluch, catalán que foi asasinado, fóra do territorio de Cataluña? Por outra parte, ¿que cataláns entran na súa proposta, só os das catro provincias do Principado, ou tamén tódalas persoas que viven nos Paisos Cataláns, noción que abrangue terras de Aragón, Andorra, Valencia, Perpiñán...? Supoño que desta casuística falou con Otegi antes de que este lle aclarase que non «podían tramitar» tal petición por non teren eles, Batasuna, «vinculación alguna» con ETA (La Voz de Galicia, 10-9-02, p. 18). En calquera caso, que o señor Carod Rovira se entrevistase cun dirixente de Batasuna para facer chega-la súa catalana proposta a ETA presupón que o señor Rovira, antes da entrevista, supuña que Batasuna ten fío directo con ETA. Sería útil que nos dixese o señor Carod Rovira en qué baseaba tal suposición. O que, de tódolos xeitos, está moi claro, é que os republicanos estamos especialmente doídos e feridos, e estámolo porque o dirixente do único partido republicano que existe en España con representación parlamentaria acaba de profanar, de aldraxar, o nome da República. Así o entenderían tamén, creo, Emilio Castelar, Curros Enríquez, don Antonio Machado, Castelao, don Manuel Azaña e Lluis Companys.