BUSCO no fondo de min mesmo unha botella perdida. Unha botella tirada no mar, cunha mensaxe dentro, un papel, branco branquísimo, o meu nome e un corazón bordado de frechas. Son un fracasado. Pasei a vida agardando por Carolina, princesa de Mónaco. Observaba as súas separacións e disturbios matrimonais. Sempre pensaba: agora é o teu turno. Decidíame a escribirlle un romántico poema, unha chamada telefónica, un ramo de vermellas rosas fervorosas. Non o fixen e Carolina, la más bella, nunca soubo do meu amor incontinente. Vexo pasar o tren da felicidade como un tifón diante dos meus ollos. Todos matrimoniados e contentos. O escaparate da voda Aznar-Agag certificou hai quince días unha consumida certeza: ellas y ellos se quieren, gozan. Eu, pobre, non. Deixei colgada a miña alma entre os dentes de Carolina. Non me queda esperanza. No amor, como na literatura, son un fracasado. Eu quería casar coa princesa. En Mónaco, no Escorial, en Compostela. Pero aquí sigo, compuesto y sin novia. Ana Aznar, desestimada a corte monegasca, era o último cabo onde depositar a miña desfortuna. Ela, como Carolina, tamén fuxiu dos meus poemas de amor. Só me queda agardar unha mensaxe oculta na botella que bebo. Para resistir.