A XESTIÓN dos recursos pesqueiros nunca é unha actividade científico-técnica obxectiva. As decisións dos xestores, sempre políticos, é dicir, administradores da res publica, baseanse nun diagnóstico biolóxico, pero rematan atendendo a razóns sociais, económicas e políticas. Como debe ser. Dun mesmo diagnóstico ou consello científico poden tirarse diferentes medidas de xestión, segundo as valoracións que se fagan dos factores extra-biolóxicos. Hai amigos dos peixes e amigos da pesca. Un servidor, preferiría ser amigo dos pescadores e sinaladamente dos pescadores galegos. As pesqueiras españolas, é dicir, galegas, no Noroeste Atlántico, constitúen un elemento estratéxico para o noso sector pesqueiro. Nun contexto de crecentes dificultades para as pesqueiras industriais, a súa importancia reside en que se desenvolven nunha extensa e rica área situada en augas internacionais, fóra da Zona Económica Exclusiva de Canadá. A actividade na zona debe ser mantida reforzando o plano científico, adicando recursos humanos e materiais, pero tamén debe ser defendida no ámbito político internacional. Dous pes para poder andar. Nos últimos 25 anos constatouse unha redución progresiva dos recursos pesqueiros tradicionais. O bacallau, a platuxa, a limanda e outras especies explotadas viron moi reducida a súa biomasa e, consecuentemente, foron pechando-se as súas pesqueiras. Para a administración canadiana, a responsábel desta drástica diminución das poboacións foi a actividade das frotas extranxeiras. Por contra, a realidade sinala como causa do grave deterioro xeral na zona o efecto combinado dos cambios oceanográficos e a presión pesqueira, dentro e fóra das 200 millas. A mortalidade por pesca fóra das 200 millas non abonda para explicar os pobres recrutamentos sucesivos, ou sexa, a dificultade das poboacións para recuperarse. O período anormalmente frío de metade dos anos oitenta prexudicou a grande maioría das especies de peixes explotadas, beneficiando únicamente ao camarón, que experimentou un ascenso espectacular en zonas onde tradicionalmente escaseaba e non se explotaba, como no Flemish Cap. O colapso dos recursos perqueiros supuxo unha grave crise socioeconómica en Terranova. Ante os problemas domésticos é máis doado botar as culpas a factores externos que buscalos dentro, na propria xestión. Os canadianos, que non foron quen de evitar o colapso do salmón do Pacífico, onde pescan eles exclusivamente, pretenden culpar do mal estado dos recursos no noroeste Atlántico a actividade da frota comunitaria. Os canadianos, que non teñen frota para pescar a fondos superiores a 800 metros, pretender expulsar aos barcos doutros Estados que faenan a grandes profundidades. A decisión que se tome será, ao cabo, a resultante dunha serie de factores extra-biolóxicos. En todo caso, ao non existir probas concluíntes do descenso da poboación de fletán negro na zona, o mantemento de 44.000 Tm da Captura Total Permitida (TAC) para 2003 non se pode considerar como fóra da realidade biolóxica da poboación do fletán negro.