NON PODE sorprendernos a nova de que son galegos a metade dos pobos espa- ñois abandonados no último lustro, se lembramos que o número de núcleos da nosa Comunidade sempre foi superior ó do resto do Estado. Foi Otero Pedrayo o primeiro que percibiu a dispersión do hábitat como unha das características xeográficas esenciais da fisionomía agraria de Galicia, e a aldea como célula base do poboamento estreitamente ligada a unha agricultura, diversificada e moi pouco mecanizada, que, para a súa continuidade, esixía espallamento das aldeas e altas densidades de poboación agrícola. Hoxe a agricultura é diferente, a tecnoloxía permite maiores unidades de explotación e fai innecesaria a diseminación. As terras poden traballarse con menor esforzo e dende lugares máis afastados, sobra man de obra no campo e a xente marcha ás vilas na procura dun posto de traballo. As aldeas van desaparecendo, unhas, por razóns estructurais, ó non existir motivos que xustifiquen unha poboación espallada, e outras, pola carencia de condicións de vida satisfactorias. Anque adoito se relaciona a baixa da poboación total coa desaparición dos núcleos, non é crible que unha hipotética recuperación demográfica provocara un novo repoboamento das aldeas. Se houbese creación de postos de traballo, que sempre tería máis efecto sobre o incremento da natalidade cás subvencións, estarían loxicamente nos sectores secundario ou terciario, e polo tanto serían un aliciente máis para abandonar os núcleos rurais. Quizais non sexa posible evitar o abandono dunha aldea, pero pode deterse o despoboamento de áreas completas. O problema está en darlle utilización a vivendas, terras e instalacións desleixadas. Cómpre facer un axuste entre as necesidades da poboación, que aínda permanece no rural, e os recursos que alí van quedando abandonados. Unha ríxida protección da propiedade, que esqueza a súa función social, conseguirá o paulatino deterioro dos recursos ociosos impedindo que o seu aproveitamento contribúa a asentar a poboación remanente.