IMAXINO que o príncipe Ham-let, colérico, agarrará os ósos do destino coa man, pro clamando o inxusto do mundo, o seu absurdo, o seu manto negro, gris, canalla. Despois visitará contigo as tabernas máis insólitas do infinito. Falará de ti sen mesura, como mereces, Roberto Vidal Bolaño. A nós só nos queda botarte de menos. Abrazar o teu recordo para que non marche. ¿Sabes?, ti eras un actor que desprendía tenrura. Non sei cómo dicilo, eu, que sei dicir case todo cando a emoción non apreta, como agora, os dedos, os dedos que a penas poden escribir. Tenrura, reitero. Aínda que foses o malo da película, ou un solitario en busca de autor, ou saxofonista, ti eras tenrura. Así te vexo nesta hora. Como un home grande, de corazón grande, tan xeneroso e brando, tan humano. Non insistirei no que todos sabemos: es unha figura irrepetible e fundamental para a cultura deste país. Esa Galicia luminosa que defendemos. Normal, próspera, orgullosa: un teatro sen complexos, unha arte sen complexos, un futuro sen complexos. Parece que te miro por riba dun escenario falando co apóstolo Santiago. Cóntalle, agora, que aquí imos quedar tristes sen ti. Tristes intentando buscar unha razón para tanto absurdo. Como Ham-let, Roberto. Como Hamlet.