TRÁTASE do primeiro pobo de Galicia no Camiño francés de Santiago, un pobo prehistórico, no que os monxes franceses de San Xiraldo puxeron o primeiro hospital de peregrinos, xa pouco despois do descubrimento do sartego do Apóstolo en Compostela. E, despois de pasar neste lugar tódolos meses de xullo dos últimos vintetres anos, como é o meu caso, e vivindo no mesmo edificio daqueles monxes, que está unido ó Santuario do Santo Milagre e de Santa María, moitas son as experiencias que se poden contar. E case tódolos peregrinos que veñen camiñando pasan un día enteiro neste precioso lugar. Pódese asegurar, en consecuencia, que este pobo é un verdadeiro observatorio, non por estar a mil trescentos metros de altura, senón polos centos de persoas dos máis diversos países dos cinco continentes, que cada día chegan alí, especialmente no referido mes. Un observatorio social e antropolóxico, filosófico-cultural e teolóxico-pastoral. Sobre todo, un observatorio para coñece-la situación da Igrexa e do cristianismo no mundo actual. Así, un día, na misa diaria das oito do serán, concelebramos sete sacerdotes e con participantes duns vinte lugares e de nacións de tres continentes. Incluso veñen altas xerarquías das dióceses, o que permite tamén informacións case oficiais, que se poden contrastar coas dos simples fieis. Desta maneira, puiden enterarme, por exemplo, do uso das linguas propias na liturxia en Valencia e en Mallorca, e do que opinan nos Estados Unidos acerca dos cregos pederastas e ata da opinión da maioría sobre a saúde do Papa. Como estas informacións resultarán de interese para moitos lectores, prometo traelas aquí.