O mellor cine

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

DENDE HAI tempo diversas institucións cinematográficas europeas e americanas diríxense periodicamente a críticos e directores de todo o mundo para preguntarlles sobre as súas preferencias. Como resultado desas enquisas publican a lista das dez mellores películas da historia do cine. Sempre me interesei por esta clasificación, porque, aínda aceptando as limitacións dunha excesiva simplificación, non deixa de ter significación a súa composición xeral e a evolución ó longo do tempo. Nas listas que se acaban de dar a coñecer hai unha alta coincidencia entre críticos e directores. Cinco películas figuran nas dúas listas: Cidadán Kane de Welles, en ambas en cabeza, Vertixe de Hitchcock, A regra de xogo de Renoir, O padriño de Coppola e Oito e medio de Fellini. Tamén me sumaría ó consenso, no que refire ós directores, só cambiaría Vertixe por Encadeados. Procedencias A lista dos críticos parece que coidara un certo equilibrio entre procedencias tanto de espacio coma de tempo. Fronte a un filme antigo (Amencer de Murnau), hai outro moderno (O padriño); no canto do exotismo, se vai un ruso (O acoirazado Potemkin de Eisenstein), tamén irá un xaponés (Contos de Tokyo de Ozu); non poden faltar os europeos, un francés (A regra de xogo) e un italiano (Oito e medio) e os outros catro filmes son o consabido Cidadán Kane, que leva moitos anos encabezando todas as listas e tres americanos dos anos cincuenta e sesenta (Vertixe, Cantando baixo a choiva de Donen e 2001 de Kubrick). Pero con eclecticismos ou sen eles, o peso do mellor cine segue a estar no producido entre os anos corenta e sesenta do pasado século. Do 70 ó 80 % das cintas elixidas son desa etapa e a idade media supera os 40 anos en ambas as listas, o que revela a debilidade do cine que se vén realizando a partir dos anos setenta. A comparanza entre esta lista e as de anos precedentes fainos observar a desaparición de directores como Chaplin, Griffith, Rossellini e Ford, e xa no terreo persoal botamos de menos a Huston, Lang (F.), Wilder e Hawks.