Eu queríame casare

OPINIÓN

05 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

«EU QUERÍAME casare, miña nai, non teño roupa...». Nestes días de felicidade nupcial, non podo deixar pasar a oportunidade de apuntarme á resaca da voda do ano. (Aínda que eu xa fixen o ano con dúas vodas este verán). A ledicia que produce sempre ver unha noiva leva a comportamentos estraños, como cando de nenos (e non tanto) ó ver pasar o coche da noiva, gritabamos «¡Mamá, unha noiva, unha noiva!», como se non tivesemos visto cousa tal na vida... Así que falemos de voda . No caso do substantivo voda , a lingua galega, unha vez máis, é fiel á etimoloxía. Rexeita boda con b- (que acolle o castelán) e incorpora voda con v- (do latín vota , plural de votum, 'promesa'). Porque, ó fin, a voda é un voto (e non me refiro á 'papeleta', que neste caso todo pode ser...). Ademais da diferencia ortográfica b/v (boda/voda) , en ámbalas dúas linguas existe unha diferencia no uso do verbo casar . Mentres que en castelán é obrigatoriamente reflexivo (La pareja se casó ayer por la tarde) , o galego rexeita tal reflexividade (A parella casou onte pola tarde) . O pronome átono desaparece en galego, e só se incorpora en castelanismos (*Caseime pola igrexa) , ou como licencia métrica en cancións populares como a citada ó principio: « * Eu queríame casar(e)», en lugar da correcta «eu quería casar(e)». Sen embargo, a mesma copla recolle o comportamento non reflexivo deste verbo galego máis adiante: «¡Casa, miña filla, casa, que unha perna tapa a outra!». De seguro que os noivos de onte teñen con qué tapar as pernas. Que sexan felices e coman perdices. falar.ben@lavoz.es