O ARQUITECTO italiano Alessandro Caramellino tróuxome un libro de 516 páxinas sobre Architettura rurale in provincia di Alessandría no que se rexistra o pasado e o presente cun rigor exemplar ollando o futuro, pois nos artigos da parte conclusiva titúlanse Un restauro rispettoso . Os estudos xeográficos, históricos, antropolóxicos... esgotan nesta obra o que hai que saber sobre esta comarca para ter unha idea lóxica da tipoloxía da súa arquitectura, que se reproduce a todo cor, mais nun tono que non molesta, sen estridencia colorista de revista. Trátase dunha peza ben concebida graficamente tamén. Alessandro é o coordinador e o que escrebe o capítulo 1 sobre o Paesaggio agrario alessandrino , no que seguen traballos de media ducia de arquitectos: Carlo Bidone, Michele Gaia, Fabrizio Grillo, Silvia Rapetti, Patrizia Robotti, Giancarlo Moccagatta, e Clementina Dellacasa. Trátase dunha investigación apoiada pola Provincia di Alessandría, Regione Piamonte e a Unión Europea. Esto tráeme á memoria o labor realizado hai 72 anos polo Seminario de Estudos Galegos con ese monumental estudo de Terra de Melide, que se ben está feita cando non se dispuña dos medios técnicos que tiveron hoxe os italianos, en profundidade do concepto investigador non ten ren que envidiar. Cando esto escribo leo que se vai enviar ó Parlamento galego un anteproxecto de lei de Ordenación Urbanístico e Protección do Medio Rural. Sen coñecer a totalidade do texto, algunha cousa boa debe ter, pois di a nota de prensa que as edificacións rurais limitaranse a dúas alturas: pranta baixa, un andar, e o faiado baixo cuberta. Se como din os medios, colaboran no anteproxecto os arquitectos César Portela, Iago Bonet e Xosé M. Casabella, elo sería unha garantía pois saben moito do problema. Entre os poucos datos que se dan fálase de evitar dispersións, que é o máis importante; mais esto se pode facer dinamitando as leises herdadas do franquismo. (Dous mil metros de terreo para as vivendas unifamiliares ¿A quen beneficia este disparate que é responsable da destrucción de grandes áreas do campo galego?). Por acó hai que temer que falle un bo estudo sobre as condicións que xustificaron os distintos tipos de rueiros da Galiza, porque non son o mesmo, por exemplo, os do Vidaloiso (en perigo de destrucción pola bondade do seu clima e a cercanía dunha importante vila), que os de Silán (tamén en perigo por abandono das aldeas do interior). Os rueiros eran verdadeiros centros de defensa económica, no secular abandono no que se tivo á nosa terra, que non cesa. O asentamento das construccións en terras de árdego ou arnado fala do respecto das terras productivas. O tema é longo e, aínda o respecto que teño por eses tres arquitectos, temo que a súa intervención fose só sobre aspectos illados, e non das condicións socioeconómicas e históricas, non para manter ideas conservadoras e folclóricas, no mal sentido en que se entende a boa síntese que fixo o inglés Thoms para definir a arte do pobo cando aínda non acadara a experiencia histórica nos medios nemotécnicos dos que hoxe dispomos. Po todo, boto de menos un estudio previo das nosas comarcas como este que nos ofrece a provincia de Alessandría, onde naceu Umberto Eco.