Do lado das víctimas

|MARINA MAYORAL|

OPINIÓN

31 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

EU NON o vin na tele porque non estaba na casa e ben que o sentín: a Ertzaintza cargando en serio contra os defensores de Batasuna. Confío en que se repita, en que o desaloxo do mércores e a conseguinte carga contra os que atacaban á policía vasca continúe adiante, para ter ocasión de ver a cara de circunstancias do Otegi e os seus secuaces. É pouca cousa en comparación co que eles teñen feito, coa cínica defensa dos atentados máis sanguinarios, coa incitación constante a extorsionar, secuestrar e matar, pero polo menos é unha pequena satisfacción ver o comezo do fin da impunidade absoluta de que gozaron ata agora. Eu confío en que os xuíces atopen culpable a Batasuna e que a ilegalización se leve a cabo. Xentes moi competentes ofreceron sobre este punto opinións discrepantes na prensa nacional. Perez Royo, catedrático de Dereito Constitucional, pensa que o feito de non condenar os atentados é xuridicamente irrelevante e non serve para ilegalizar un partido. Distinta opinión mantén Antonio Elorza, catedrático de Dereito Político, que ve nesa actitude unha inequívoca xustificación do terrorismo. Hai que confiar en que, a parte dese silencio cómplice, discutible ó parecer dende un punto de vista estrictamente xurídico, os xuíces teñan en conta os informes policiais reunidos por Garzón, que mostran a estreita relación entre Batasuna e ETA. E que así os colaboradores do terrorismo sexan tratados dunha vez por todas como o que son, e non como membros dun partido democrático. Ós que pensan que eso vai empeorar a situación, eu pregúntolles: ¿empeorar para quen?, ¿quen podía sentirse seguro coas cousas segundo estaban? ¿Un médico na súa consulta, un catedrático no seu despacho, unha nena que xogaba na súa casa, un home que paseaba tranquilamente pola rúa, a xente que foi facer a compra diaria a un supermercado?, ¿quen está a salvo dun atentado? Ata agora só os do PNV e os curas, e estes últimos tampouco dende que comezaron a falar en contra. Así que hai que botar fóra medos inútiles e pensar que só estaremos a salvo cando ETA desapareza por completo, e, mentres, facer todo o que estea na nosa man para axudar a que eso ocorra. Por exemplo: congratularnos e aplaudir públicamente que os defensores do terror e da violencia comecen a recoller os froitos que sementaron.