«Impeachment»

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

29 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O IMPEACHMENT é un procedemento do sistema xudicial americano, polo que pode xulgarse ó presidente e desposuílo do seu cargo, no caso de atopalo culpable de enganar ó pobo. Os enganos de Bush comezaron antes de iniciar o seu mandato, coas eleccións gañadas dun xeito sospeitoso, en Florida, Estado gobernado polo seu irmán, e co escrutinio final baixo a responsabilidade dunha xuíza que formara parte do seu equipo de campaña, pero a partir do 11-S fóronse incrementando. Anque Bush di que está en guerra, os presos, que se reclúen en Guantánamo, fóra dos EEUU, non se consideran prisioneiros de guerra para así poder aplicarlles un trato inhumano. E como Mary Robinson, alta comisaria da ONU para os dereitos humanos, denunciou estes abusos, premeuna para que deixara o cargo. Negou que se valera de información privilexiada para vender as súas accións dunha petroleira e despois tiveron que admitilo os servicios informativos da Casa Branca. O seu vicepresidente está sendo investigado por implicacións nas manipulacións contables dunha empresa que dirixú e o que nomeou xefe do grupo especial para combater o fraude empresarial está envolto nunha trama fraudulenta. Persiste na súa teima de atacar a Irak en contra do criterio do secretario xeral da ONU, dos seus aliados, ata os máis submisos, e mesmo do seu propio secretario de Estado, o militar Colin Powell, que ó seu carón resulta pacifista. Quere someter ó detector de mentiras a varios congresistas americanos e boicotea a creación do Tribunal Penal Internacional e o cumprimento dos acordos de Kyoto. Todo o mundo se pregunta cómo este home, de turbio pasado e peor presente, ousa iniciar unha cruzada ética contra a corrupción e canto tardará o gran pobo americano en por en marcha un impeachment contra el.