Ramón Piñeiro na acordanza

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

ALGÚNS QUE non coñeceron a Ramón Piñeiro, cren que a atracción que suscitou nos estudiantes composteláns debíase simplemente á seca de persoeiros na Universidade da posguerra, que obrigaba a buscar profesores e coñecementos extramuros da institución académica. Pero esa interpretación non se pode manter, se se sabe que a actividade de Piñeiro sobordaba os ámbitos estudiantís, e que fomos moitos os que nolo encontramos, por primeira vez, cando eramos adultos, e tiñamos familia e profesión xa feitas. Por acontecerlle a un gran amigo de meu e telo vivido moi de preto, lembro ben a fascinación que, xa dende o primeiro encontro, exercía Ramón sobre persoas desas características. E a causa paréceme que era a intelixencia. Hai intelixencias fulgurantes, coma lóstregos, súpetas, intensas mais fugaces, nas que cando remata o relampo volve a escuridade. A do noso amigo, en troques, era potente e persistente coma a mesma claridade. Cando a Piñeiro se lle presentaba unha situación ensarillada, que non se entendía, quedábase uns segundos en silencio, e logo tentaba explicala, achegándose a ela nas súas diversas facianas, coma se dera voltas arredor dela e a estivera vendo baixo varios puntos de vista, mentres aquela potente luz da súa intelixencia a iluminaba. Coma nun ritornello , dáballe outra pasada circular ó asunto e empezabamos a albiscarlle uns contornos. Outra volta máis e íamos penetrando nos miolos da cuestión, chegando á cerna do misterio. Semellaba que Ramón fora describindo unha traxectoria en espiral que, vindo dende fóra, se aproximase ó epicentro do enigma. Outras veces, cando se trataba dun problema espeso, informe, aínda sen aspecto, facía coma se o pousara enriba da mesa, e, tal que un escultor, cun cincel, vaille arrincando cachos a un penedo, con cada verba ía deixando ver formas que denantes ninguén podía adiviñar, e o problema comezaba a clarexarse. Fole fala da intelixencia aguda e profunda de Piñeiro e García-Sabell di que con el as cousas son claras, cristalinas, evidentes.