Na terra valdeorresa

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

OPINIÓN

UN DÍA como este iamos camiñando por un carreiro da Rúa de Valdeorras. As cepas cubrían o chan, deitábanse nas abas dos montes, que as cobexaban do vento. Desde o lugar ó que nos achegamos dominábase unha paisaxe doce, longa. Alá ó fondo, lonxe, axulaban montañas. O campo florecía nos acios verdecidos. Camiñabamos entre eles, con andar vagantío. O cultivo dos viais esixía coidados morosos, continuos. A mesma lentitude dos traballos parecíanos axeitada para o ensimesmamento. Ollabamos, pausadamente, o estourido das videiras. Lembramos que, noutras ocasións, presenciamos as tarefas vendimais do outono. A vendima aquí era unha vendima sen afoutadas, vermellizas, teatralerías. Matinabamos en que sobre os textos dos escritores antigos montárase un tendello literario enorme. Da vendima naceran o pánico, a orixe da traxedia, a danza, o espectáculo. Nembargante, costa un pouco crer que todo iso xurdira das pobres, pedregullentas viñas do Lacio e da Hélade. Pero o milagre do mundo antigo foi, mesmamente, o seu dispor para transmudar a agre realidade en ilusión viva. Nada do clásico dinamismo dionisíaco xogaba o seu espectacularismo nos horizontes ricaces desta paisaxe vitícola valdeorresa. Pero resultábanos grata, atraínte, a súa beleza. Paseamos por carreiros estreitos, por camiños fondos. Estes paseos na tarde clara amosábanos o tinguido dunha luz especial. Unha luz que parecía gozárese nas cousas sinxelas do terreo, envolvidas no aire fino. A campía predispuña á comprensión dos poetas que a sentiron, e escribiron sobre os seus líricos misterios. Trouxemos aquí un libro grato, breve, intacto desde había tempo. Un libro de versos coorísticos, musicais, cheo de sensual feitizo. Os poemas estaban ateigados dun aire limpo, asolagados nunha cor vivaz, construídos con liñas esguedelladas. Delgado Gurriarán, o seu autor, mergullouse no goce vivinte da natureza. As composicións de Bebedeira ofrecíannos a gracia dun animismo poético. Eran cooristas, sonoras, cheas de zume aldeano. Estaban encheitas de risos vendimais, de teima pánica. Abastadas, sensuais, cromáticas, falaban nunha lingua enxebre, ricaz. Dentro do marco da paisaxe na que nos atopabamos, «as videiras / ledas mozas churrusqueiras / maquilladas de sulfato sorrinlle ó vento coquetas». Fóra da sinfonía das cepeiras, a máis simbólica nesta paisaxe, eran os soutos de vedraños castiñeiros. O poeta evocábaos no seu abatemento: «Retorto castiñeiro, outrora san e forte / atópaste ferido do machado da morte; / as túas folliñas murchas, van caíndo no chan. / ¡Ou tristura dunha árbore espíndose no verán!». Polo panorama do val decorría a fita do río. A súa maior calidade viña ser o claro das augas. Canto máis transparente era o seu caudal, máis belo era o río, máis río era.