ANDAMOS A LER nestes días un estudio sobre ideas de Marshall Urban. As súas hipóteses sobre o proceso evolutivo das falas enche o noso interese. Pártese do feito de que as linguas primitivas fachendeaban de gran complexidade. En case tódolos idiomas arcaicos existían palabras que de seu constituían frases, oracións completas. A medida que se adentrou no pasado non se deu atopado a existencia de sociedades máis simples, como se pensaba no XIX. Pola contra, tratábase de sociedades donas dunha desconcertadora complexidade. O tránsito do simple ó complexo pode ser unha constante nas ciencias naturais. Pero non nas da cultura. A hipótese da orixe animal da linguaxe estrélase ante o carácter irreductible da significación. En troque, segundo Marshall Urban, ten a grande orixinalidade de incluír a linguaxe dentro da esfera dos movimentos expresivos. Antes de falar, o ser humano acenaba. Acenos e movementos posuían significado. Nel estaban presentes os tres elementos da linguaxe: indicación, emoción, representación. Os seres humanos falaban coas mans e coa faciana. Os animais só son capaces de expresar emocións. O berro accede á significación representativa ó se aliar con eses acenos e movementos. Quizais a primeira linguaxe humana fora a pantomima indicativa e máxica. O que máis nos sorprendeu das opinións que glosamos foi a cifrada no carácter máxico e mítico da linguaxe primitiva. Sostiñan que a ciencia moderna confirmaba a idea de Herder e os románticos alemáns. Desde o comezo non fornecía dúbida a inafastable correlación entre mito e linguaxe. Ambos son expresións comúns a todo simbolismo: a metáfora radical. Noutras palabras menos técnicas: linguaxe e mito son vastas metáforas da realidade. A lingüística moderna verifica, segundo o texto que lemos, unha crenza común a tódolos poetas de tódolos tempos. A de que a linguaxe é poesía en estado natural. No cerne do idioma latexa unha tendencia metafórica, raíz da poesía. A constante producción de imaxes e de formas verbais inéditas é unha proba do carácter máxico da fala. Tódolos días afloran á tona da lingua palabras e frases. No mesmo momento, outras desaparecen. De sócato, o erial dun idioma fatigado cóbrese de súpetas flores verbais. Feitas de material alampable, as palabras incéndianse a penas as luien a imaxinación ou a fantasía. Pero son incapaces de gardar o seu lume. Despois de ler as teses que vimos de reflectir, chegamos á conclusión de que o ser humano é ser humano gracias á linguaxe. Gracias á metáfora orixinal que o fixo ser outro e o afastou do mundo natural. O humano é un ser que se creou a si mesmo ó crear unha linguaxe.