DE VEZ en cando, escóitanse queixas de que se politiza todo. Por baixo delas o que se agocha é un intento de neutralización do que é realmente político. Ultimamente, refírense ó decreto sobre o desemprego e á lei de calidade do ensino, coma se estes non foran, de por si, temas políticos. Dous factores inflúen nesta tendencia. Un, o da vella teima de que os gobernos que manteñen o statu quo non fan política. É ben coñecido aquelo que Franco dicía: «Faga coma min, non se meta en política». Para estes, os que o politizan todo son os que se opoñen ós seus gobernos. Cando, pola contra, os que gobernan queren cambiar as cousas, os máis conservadores din que o Goberno todo o politiza. Outro factor é a crenza de que o libre mercado está máis capacitado cá política para resolver os problemas, porque se considera un mecanismo neutral que, mentres cada individuo persegue o seu propio interese, determina, de xeito imparcial, o interese xeral. Versión seráfica do mercado pola que, con tal de rexeitar a intervención dos políticos, os asuntos xa se resolven. Pero, ¿a prol de quen? Cando, como agora, nos mercados mandan os oligopolios, e o mercado libre, como punto de encontro de infinidade de compradores e vendedores, xa non existe, as decisións tómanas unhas poucas persoas, dirixentes dos oligopolios, e xa se supón a favor de quen. Desconfiados Despolitizar un conflicto é querer que as decisións que poidan levar á súa resolución non se tomen na esfera política. Que se insista na esixencia de despolitización pon de manifesto a escasa confianza que a cidadanía ten nos políticos. Pero hoxe tamén a está perdendo nos executivos empresariais. Uns e outros deron motivos de abondo para que isto suceda. Por iso, diante deste panorama, o único vieiro é politizar aínda máis, para ter a garantía de que as decisións que nos afectan ós cidadáns dun xeito transcendente van a tomarse por persoas que foron elixidas por nós, e que polo tanto, se defraudan o interese público, poden ser cambiadas por outras máis idóneas.