O 4 DE XUÑO do próximo ano 2003 cúmprense cen anos do nacemento de Alexandre Bóveda. Os galeguistas históricos que aínda viven e os novos que seguiron ós vellos quixeran recordalo como cómpre. Mais hai inconvenientes para levar esto a cabo porque a Guerra Civil aínda non está superada en algúns sectores. Como se sabe, Bóveda foi un personaxe mítico do galeguismo. Home dunha fonda relixiosidade e estricta moral, cunha gran visión da economía do seu tempo -que non era a mesma que a do noso-, comprendeu cunha rapidez de vertixe os nosos problemas. Xefe de contabilidade da Facenda, foi o primeiro directivo-creador da Caixa de Aforros de Pontevedra. Colaborou na redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza nos anos 30/31 do Seminario de Estudos Galegos, e na Asamblea de Municipios do ano 32 que redactou o proxecto de Autonomía que se plebiscitou no 36. Bóveda foi o elemento clave, e a el débese que a capital de Galiza estea en Santiago. Castelao e Losada Diéguez viron nel o prohome da nova Galiza e o fixeron secretario de Organización do Partido Galeguista; e Daniel de la Sota soubo aproveitalo no labor intelectual da Deputación. O bienio negro botouno a el e a Castelao fóra de Pontevedra. O 19 de xullo do 36 foi detido no Goberno Civil. Dise que nun primeiro momento intentaron deixalo escapar para lle practicar a lei de fugas. Bóveda negaríase a escapar. O 14 de agosto fixéronlle unha farsa de xuízo e o 17 o fusilaron na Caeira. No Funeral Cívico no ano 48 no Centro Ourensán de Buenos Aires, Castelao dixo: «Imaginad una Asamblea de los mártires gallegos en grupos presididos por Quintanilla (socialista), Benigno Varela (comunista), Miñones (republicano) y Villaverde (anarquista), y no es difícil calcular que ellos aceptarían que Bóveda fuese nombrado por nosotros como el protomártir». (Miñones era o máis conservador dos demócratas; a unidade primaba). Alexandre Bóveda tiña 33 anos cando o mataron. Como tódolos anos, dende que o permitiron, o 17 de agosto celébranse en Pontevedra actos recordatorios desa data fatídica. Neles participan, ademais da Fundación Alexandre Bóveda, grupos nacionalistas que levan a voz cantante. Eu, que son conservador libertario, teño participado como espectador en varios destes actos. Sempre lamentei que alí non estiveran todos os que están en defender as causas xustas da Galiza, como fan os cataláns cando en outubro lle poñen frores no sartego de Lluis Companys, como quixera Castelao, sen que ninguén monopolizara o nome de Bóveda, e fose a nosa bandeira , de todos. Todo isto é historia, e ninguén debería ter inconvinte en rexistralo, e ensinalo nas escolas para que non se voltase a repetir. Coido que non fican odios nin espírito de revancha en ningún bennacido nos nosos eidos. Certo que os 40 anos do franquismo desmemorizador ten algún grupo de resistencia. Sei que son un ninguén para pedir a superación da Guerra Civil e contala como unha historia máis. Se así non o facemos, a ferida seguirá aberta. Sería unha ocasión de entendemento aproveitar o centenario do nacemento de Bóveda no que estivésemos todos nun acto; algúns poden invitar a elo.