Babia e o pasado incómodo

OPINIÓN

12 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTAR EN BABIA era, cando pícaros, sinónimo de despiste infantil. O lugar ignoto onde ían as mentes dos cativos coa cabeza a paxaros. Pero Babia está máis presente que nunca para sacarnos, paradoxicamente, dun despiste histórico colectivo. O desenterramento de fusilados republicanos na guerra civil lémbranos un pasado incómodo que se fai presente a golpes de picaraña. Empezou en Priaranza do Bierzo, seguíu en Pedrafita de Babia e seguirá, porque os crimes contra a Humanidade non prescriben e a busca de desaparecidos está amparada por organismos internacionais. O pasado faise presente porque sempre estivo aí. Agora sae á luz polo esforzo de quen o gardou en depósito e pola inquedanza dunha nova xeración que non acepta o pacto de amnesia da transición. A recuperación da memoria histórica dos vencidos na guerra, amais dunha asociación que merece recoñecemento, é un estado de ánimo histórico. Como na Arxentina, como en Alemania. Corrixir a ignorancia histórica é un deber de profilaxe cívica. Os antigos guerrilleiros (Kiko, Camilo e Zapico) que se xuntaron estoutro día en Catoira coa filla de Ponte e a viúva de Seoane, son a memoria viva da Dictadura. A lembranza do pasado infame é necesaria para comprender ese impactante documental da TV3 sobre os orfanatos do franquismo ou eses mapas militares, en circulación, que aínda sitúan campos de concentración como o de Arnao, en Castropol. Tamén para aclararse no lío este do Arquivo de Salamanca; unha polémica que vén demostrar que, en 1939, cando rematou a guerra, non chegou a paz de todos senón a victoria de Franco, que son cousas ben distintas. A reconciliación da que se leva falando 30 anos chegará da restitución da memoria, non do esquecemento interesado.