CODEX FLORIAE
11 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O MITO DO mar precisa olladas distantes e análises da súa construcción. Hai pouco comenzou a andaina do Museo do Mar de Galicia, realidade xa por mor das meigas viguesas da Zona Franca, e poderá contármonos historias das nosas vidas. Historias onde se poida comprender o papel central da sardiña como orixe e cerne da industria da salga e do afumado, que por mor dunha crise da sardiña bretona e a vizosidade da galega permitirá gañar tecnoloxía, mercados e desenvolvemento industrial ó través da industria conserveira nos fins do século XIX e comenzos do XX. Ou aquela outra da pescada, que cós barcos de vapor e o ferrocarril primeiro, e logo có conxeado a bordo e o desenvolvemento da industria frigorífica, deu na Galicia trasnacional de hoxe. Poderá contar tamén, como daquel pouco apreciado mexillón xurdiu unha vizosa industria. Dará o Museo noticia de homes e mulleres do mar: os vigairos, os feridores da Costa da Morte na pesca da balea, a folga do asubío nas industrias conserveiras, as vidas das tripulacións do bacallao ou do Gran Sol, as mariscadoras, os empresarios, os analistas e pensadores... O Museo permitirá que os esforzos dos galegos sexan comprendidos nunha reconstrucción analítica dos mares. Para Galicia o mar está no cerne do seu ser, ó través do comercio, dos camiños de comunicación, da pesca e do cultivo do mar. Tamén no cerne da prosperidade fronte da pobreza, da industrialización verbo do agro e a emigración. Para Galicia o mar é centralidade fronte o destino de periferia. O mar galego, a pesca, deunos a épica que a Galicia lle faltou en tantos outros eidos. Épica de vidas e de industria, para un pobo que sufríu. Sufrimento que leva a que só nos atopemos na lírica. Tamén naquela da dorna liberadora de Heriberto Bens. Todo elo, por xunto, agardámolo no Mar do Museo.