CATOIRA CELEBRA este ano as quintas Xornadas de Historia, nesta ocasión co título A guerrilla antifranquista en Galicia . Así pois, aínda quedan algunhas institucións, como o Concello deste pequeno municipio, comprometidas co estudio de capítulos do pasado recente que moitas outras institucións esfórzanse en esquecer. Aínda que estas Xornadas son unha cita con Clío, este ano non foron os historiadores os que as inauguraron. O pasado 31 de xullo, Clío cedeu o seu trono ás musas da poesía. En efecto, presentouse o volume A guerrilla antifranquista e os guerrilleiros na poesía , colectánea insólita. Figuran nela textos de poetas do país e de poetas de fóra: Rafael Alberti, Raúl González Tuñón, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Méndez Ferrín, Neira Vilas, Pilar Pallarés, Xesús Rábade Paredes... Páxinas hai en que un importantísimo guerrilleiro, José Gómez Gayoso, fai o pranto por un camarada caído na loita, Manuel Ponte (1947). Presentado o libro, Xosé Ramón Fandiño conduciu un recital poético no que se oíron textos moi conmovedores e significativos, algúns na voz dos seus autores. O recital tivo, como epílogo, a intervención de Mini e Mero, dous vellos e esclarecidos cantautores, da que cómpre salientar Cantar de cego para Manuel Ponte , escrito a partir dunha cántiga que o pobo cantou pouco despois da morte daquel guerrilleiro. Clío, a musa da Historia, ocupa a tribuna o resto das xornadas. Están convocados algúns dos grandes investigadores do tema, desde Hartmut Heine, catedrático de Hispanística na Universidade Libre de Berlín e autor do libro A guerrilla antifranquista en Galicia (1980), a Bernardo Máiz, Víctor Santidrián, Víctor Freixanes e Luís Lamela. Hoxe, na sesión da mañá, Clío, que sabe moito de métodos de investigación histórica, vai asistir engaiolada ós relatorios: falarán algúns dos protagonistas, desde Camilo de Dios, guerrilleiro xa na adolescencia, a Josefina González Cudeiro, enlace coa guerrilla, un e outra con anos e anos de prisión no máis duro franquismo. No libro e no recital tamén están, como epílogo, cinco poemas en louvor de Ernesto Che Guevara, o guerrilleiro por antonomasia. Asinan estes epicedios un poeta cubano e catro galegos: Nicolás Guillén, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Mariño e Carlos Casares.