Darse de conta

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

31 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nunha comunidade como a nosa na que conviven dúas linguas, as interferencias prodúcense en ámbalas dúas direccións, ás veces inflúe o castelán sobre o galego, e outras, o galego sobre o castelán. Este é o caso da expresión que comentamos. É frecuente escoitar no castelán de Galicia o uso de darse de cuenta (Perdona por lo que te hice, no me di de cuenta; ¿Pero non te das de cuenta? Es la vecina del quinto). Esta peculiaridade do noso castelán é resultado do contacto co galego, pois nesta lingua tamén está admitida a expresión coa preposición de (Deime de conta cando cheguei a casa; ¿Non te das de conta de que ela está casada?). A forma correcta en castelán é darse cuenta de algo, sen que a preposición de apareza interposta entre o verbo e o substantivo (Me di cuenta de que había perdido las llaves) . Así mesmo é incorrecto nas linguas galega e castelá suprimir a preposición de ante a conxunción que ( *Deime de conta que non tiña cartos para pagar , en lugar da expresión correcta Deime de conta de que non tiña cartos ; ou *Me di cuenta que no tenía dinero para pagar, no canto de Me di cuenta de que no tenía dinero ). Ademais da expresión darse (de) conta , o galego coñece o verbo decatarse con idéntico significado: 'tomar conciencia de algo', 'percibir polos sentidos', 'reparar'. Decateime a tempo da súa maldade. ¿Decátanse? falar.ben@lavoz.es