PÓÑOLLE comillas porque non renuncio a que algún día, no que, posiblemente, eu xa non o verei, se celebre oficialmente o Día de Galiza , como quixera escribilo Alfonso X O Sabio. Mais, mentras non podan permitilo quen teñen o cabo das tixolas do poder destas cousas, haberá que seguir chamándolle como nos deixen. Tampouco eu quixera chamarlle como fan moitos amigos meus: Día da Patria Galega, pois elo paréceme demasiado patrioteiro, e ben contrario ó esencial de quen o están usando. Que algún dos nosos clásicos se teña referido ó sentimento de patria como algo máis íntimo no o xustifica como insignia. Sábese que foi idea de Castelao evitar no posible o falar de nacionalismo para dar un sentido máis amplio á reivindicación dos nosos dereitos como pobo. E así, logo das Asambleas Nacionalistas nace o Partido Galeguista. Alba de Groria É o 25 de xullo de 1947. Castelao e Virxinia, a súa muller, agardan en Marsella un paquebote que os vai devolver a Buenos Aires. Perdeu un ano en París nunha peripecia política da que os amigos da terra que parecían os máis cercanos só intentaban atribuirse méritos. Da por seguro que non voltará a ver a súa terra. En Francia teríanlle informado o mal que leva consigo. En Buenos Aires atopará a Galiza ideal que recollerá a súa vida. Agarda atoparse en Buenos Aires con Otero Pedrayo, e relembra un discurso del que lle serve de entrada para construír ese maravilloso poema que é o Alba de Groria. Coa imaxinación voa Galiza na súa Festa Maior. A chamada nas Torres do Obradoiro por o seu brance é algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dignidades mitradas, ornamentos deslumbrantes, brocados, ouro, chirimias... Trátase, pensa, do anuncio dunha festa étnica. Castelao non se esquence do mitin das arengas que os galeguistas celebraban ás doce da noite dese día na Quintana dos Mortos. No seu ensoño, Castelao percorre o camiño da nosa historia dende Prisciliano até Valle-Inclán, e así deica 64 grandes figuras que fai desfilar como nunha Santa Compaña. Castelao recorda que Oliveira Martins dixo que na historia non hai máis que mortos e que a crítica histórica non é un debate, senón unha sentencia. Mais o noso mestre coida que os mortos da historia reviven e mandan -moitas veces desgraciadamente- e todos sabemos, di, que a mellor sentencia é a que se da despois dun debate, e coida que se ben é certo que se pode compor unha grande historia de Galiza con só recoller as crónicas dos grandes homes, tamén é certo que ningún deles nin todos eles xuntos foron capaces de erguer a intransferible autonomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutible e garantizado. Esta é a crónica do noso destino. Cando estou facendo esta nota chega a nova co falecemento de Ricardo Flores no Centro Galego de Buenos Aires. Agora vaise a saber quen era este home que ía comprir os cen anos. Hoxe só quero subliñar que é a única esperanza que nos queda ós emigrantes de morrer nun Centro Galego, polo que debemos axudalo.