A ASOCIACIÓN Nacional de Empresarios de Locales de Alterne (ANELA) emprendeu unha campaña en Galicia en pro de legalizar a prostitución . A ONG galega Alecrín, a súa vez, replicou denunciando estreitas relacións que varios clubs de ANELA mantiñan coa rede, desarticulada recentemente, que se dedicaba a introducir mulleres da Europa do Este na prostitución, baixo a capa dunha asociación empresarial. É esta unha cuestión sobre a que os cidadans debemos tomar partido. Dunha parte está unha asociación de empresarios de case douscentos clubs de alterne distribuidos por toda España. Da outra unha pequena, aínda que moi activa, asociación benéfica, que agrupa a xente preocupada por mellorar a situación das mulleres maltratadas ou excluídas. ¿Recórdalles algo?, ¿ quizá David e Goliat ? Os empresarios falan da «incansable labor de un grupo de empresarios por normalizar una situación existente y alejarla de las drogas, la coacción a mujeres o la explotación de menores». Da gusto atopar empresarios así, que non se preocupan de aumentar o beneficio senón de labores humanitarias. Con tales profesionais as familias non terán que preocuparse do futuro dos seus fillos: sempre poderán meterse a putas ou a putos, coa seguridade que da o contar co apoio da lei e de empresas respetables. E, postos a legalizar , ¿por qué non a venta de órganos? ¡Que alegría poder conseguir un riñón ou un corazón, ou mesmo uns ollos, a cambio dunha cantidade estipulada!. Legalizando a venta, todos contentos: o que vende, porque recibe algo a cambio do donado; o que merca, porque poderá esixir calidade. Igual que nos prostíbulos legais. Tamén se podería legalizar o traballo dos nenos. Todos sabemos que existe, pois regulémolo, que sempre será mellor que a explotación ilegal . Foi mágoa que a Lincoln lle dera por abolir e non por legalizar, porque o da escravitude era un bo choio. Pero aínda queda esta outra «escravitude» da prostitución. A Biblia di que David venceu el soliño a Goliat, pero a asociación de empresarios alternantes conta con moitos socios, así que será mellor botarlle unha man a Alecrín, por se acaso.