Meigas e rapantes

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

27 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A NINGUÉN que viva na provincia da Coruña se lle ocorre ir a peixería ou a praza e pedir rapantes porque non o entenderían. Do mesmo xeito, ninguén que viva na provincia de Pontevedra vai mercar meigas , senón rapantes . Mentres que na Coruña unicamente coñecen as meigas, nas Rías Baixas só coñecen os rapantes, pero ¿trátase de diferentes nomes dunha mesma especie de peixe, ou de dúas especies distintas? Os diccionarios contradinse nas definicións. Para o DRAG98, trátase de peixes diferentes. O rapante defínese como 'peixe mariño moi semellante á meiga [entón, non igual], de forma plana e ovalada e cor castaña clara, que vive a rentes do fondo'. Segundo o Xerais (2000), o rapante é o 'nome común a varios peixes co corpo de contorno oval, ollos grandes situados no lado esquerdo, boca grande, ancha e provista duns dentes moi pequenos e curvados, de cor agrisada e amarelenta no lado de enriba e translúcido polo lado cego; posúen dúas manchas mouras redondas na parte final das aletas. Reciben este nome o Lepidorhombus boscii e o Lepidorhombus whiffiagonis '. A meiga é, de acordo con este diccionario, un tipo de rapante: ' (Lepidorhombus whiffiagonis) , peixe ovado e plano que mide ata 65 cm de lonxitude e vive nas zonas profundas'. Rapante aparece como sinónimo. A miña sogra, que é das Rías Baixas pero leva moitos anos vivindo na Coruña, di que son o mesmo. falarben@lavoz.es