FELIZ, feliz no teu día, Galicia bonita. Quérote porque es unha especie en perigo de extinción: o país que se nega a desaparecer a pesar de tantos pesares (renda, tren de escasa velocidade, Operación Triunfo sufragada polo erario público), terra con instinto suicida que chegado o momento crucial dá un paso atrás, retrocede, e comeza a camiñar de novo, animosa e ilusa. Quérote porque tes unha lingua que sabe a abril aínda que ela, a lingua, escoita a diario exequias de espuma (oxalá teñas lustroso enterro, miña lingua, pero non, está mal decorado, incluso hai que ter sorte na decoración e ti, galego, escolliches decoradores grises, malvas, grises: Lei de Normalización Lingüística, ¿para que?). Quérote porque a lúa está ancha no ceo e abrázanos, amor. Quérote porque algunha vez pensei que había futuro, e era mentira, ou non. Quérote porque te penso luminosa e grande e creo que, algunha vez, os soños serán realidade: somos o que soñamos. Quérote porque tes versos que me levantan a voz e a moral, esa altisonancia: Terra o camiño, terra a miña historia, terra esta voz que no deserto berra. Quérote e hei de quererte sempre. Existas ou non. A terra é, proclamo, a medida de todas as cousas. Feliz no teu día, Galicia bonita.