O programa de Gayoso, Luar , tense convertido en Galicia en todo un referente na televisión. Hai xa máis de dez anos que leva en antena e hoxe en día o seu nome define todo un sentimento do intramundo galego. Aínda que na actualiade dicir luar remita inevitablemente ó programa da TVG, este tomou o nome do substantivo común luar 'luz ou o resplandor da lúa'. Luar foi aproveitado tamén polo grupo musical Luar na Lubre para formar parte do seu nome propio. Tanto luar como lubre están relacionados coa lúa. Lubre designa ó bosque ou ó lugar sagrado onde os antigos druídas celebraban os cultos á luz da Lúa. Son moitas as palabras en galego que se vinculan con lúa. Cando as patacas se estragan e collen cor verduxa dise que están aluaradas , pois, o adxectivo aluarado(a) é 'estar da cor da lúa'. De aí tamén o verbo aluarar 'estragárense as patacas, poñéndose de cor verduxa'. Se unha aeronave se pousa sobre a superficie terrestre dicimos que aterrou , e o substantivo correspondente é unha aterraxe (O avión procedente de Madrid tivo unha aterraxe forzosa) . Entón, cando unha nave espacial pousa na lúa diremos que aluou (verbo aluar ). E o resultado desa acción é unha aluaxe . Andar na lúa é 'estar medio tolo transitoriamente'. Estar na lúa 'estar despistado' e prometer a lúa 'prometer o imposible'. En galego, ter lúas significa 'ter manías' e poñer nos cornos da lúa , 'loar excesivamente' (Púxoo nos da lúa). Pero nada como a lúa de mel.