Muito durou o franquismo que comezou en xullo do 1936. «Mil años tardó en morirse...», decía a canción de Sabina en 1976. En Ferrol, simbólicamente, tardou 26 anos máis. A escultura civil ten un sentido pedagóxico que no caso da estatua a cabalo de Franco na Porta Nova ferrolá indicaba continuidade. Acabouse. Asumir a historia non significa padecela cando xa pasou, non é xusto. Os demócratas sabían que a retirada da estatua traería unha certa reparación histórica. Non era tanto pedir. O respeto á historia é mala disculpa. ¿Quen a respeta, quen define o que hai que respetar? Para Voltaire non todo o acontecido merece ser lembrado por igual. Na forma de lembrar incorpóranse valores do pasado ao futuro. Máis importante que respetar a historia é que a historia nos respete. Non sempre chega con coñecela, intentar entendela e asumila, ás veces compre reparala. O último SS, nonaxenario, foi xulgado por respeto ao presente, ao futuro e á memoria das víctimas. A retirada da estatua do emprazamento actual é cuestión de boa educación histórica. Unha cidade que merecidamente aspira a ser Patrimonio da Humanidade non podía consolidar esa xerarquía simbólica na que o dictador era, despois das grúas dos asteleiros, o máis destacado monumento. A boa resolución do translado evidencia que queda menos franquismo. Foi un paso máis na reconciliación que, para ser auténtica, precisa de restitución. Non foi unha sorte de Al-Qaeda, foi o Al-Calde e a corporación quen o decidíu. Baixaron a Franco da peana, decían os centos de ferroláns que o tomaron coma unha festa. Tamén había nostálxicos enfurruñados. Poucos e calados. Foi o 4 de xullo, día da independencia norteamericana; na cidade que loubaron en 1779 dous dos seus futuros presidentes, J. Adams e J. Quincy Adams, xa antes de que un ministro británico recomendara poñerlle un valado de prata. Retiraron o cabalo. No Val, en Franza, en Esteiro saben por que. En Pedrafita de Babia, tamén.