ESO DA LIBERDADE

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

Eso da liberdade non se sabe que é, aínda que se fale dela con moita énfase. ¿Quen con dezaoito anos non andivo detrás dunha pancarta pedindo liberdade contra calquera cousa que lle parecía mal? Trátase dun termo que non é algo absoluto do que tenta representar, igual que pasa con outros termos como xustiza ou democracia, que non acaban de saír da súa realidade relativa. O debuxante e humorista Herreros foi para min quen mellor representou con humor as interpretacións que se poden facer dun concepto, nada menos, como o da liberdade de prensa. Moitas das portadas da publicación La Codorniz facíaas Herreros. El tennos contado que por cada unha das que saían publicadas, dúas ou tres prohibíallas a censura. Mais un día chegou Fraga ó Ministerio de Información e Turismo e fixo unha lei de prensa para sacala da súa falta de liberdade. Era a primeira lei que se facía baixo aquel réxime, con mellor intención que posibilidades de ser aplicada. Herreros mandou a La Codorniz un debuxo crítico-humorístico da «Liberdade de prensa», seguro de que non llo iban publicar e seguiu facendo portadas con outro humor, cando se viu sorprendido ó ver publicado, sen cambio algún, o seu debuxo sobre a liberdade de prensa que encabezaba coa liberdade ilustrada con debuxos que se correspondían a «prensa hidráulica», «prensa a golpe», «prensa a tornillo», «prensa isostática» e así ata dez prensas mecánicas, para demostrar no que consistía a liberdade de prensa. Traballo lle debeu costar a Fraga convencer ós energúmenos do Réxime de que aquel humor crítico non era perxudicial para el, valoración que non é cousa de estudar aquí. Esta digresión ven de ilustrar a falta de carácter absoluto da liberdade, o mesmo que pasa con outras supostas virtudes como son a xustiza ou a democracia, que ás veces non serven máis que para nos enganar, co que a liberdade de prensa en moitos casos serve para enganarnos e privarnos da liberdade que pregoa. E así vemos que as maiores inxustizas que se teñen feito e se fan, cométense en nome da xustiza que pregoan certos reximenes. En canto á democracia, os que máis alardean dela son os que máis queren impor o totalitarismo que traen dentro para impor a lei da selva, coma bestas, utilizando a súa forza, axudando a prohibir a democracia, noutros eidos, para servir ó seus intereses. Nós, os celtíberos, desasistidos ou dominados polos carpetovetónicos sabemos moito diso na «longa noite de pedra». Non é que as cousas dos homes teñan moita solución, nin que a terra que pisamos estea segura baixo os nosos pés, senón só tolerada nalgúns intres do diálogo do nife e do sial . Para facer máis levadeiros os días que nos tocaron vivir o mellor sería tentar ser respetuosos coas condicións naturais nas que vive cada quen e nos modelan, renunciando ó cabo das tixolas do poder coas que se pode impoñer unha lei. Así estamos vendo ese disparate ó que acabamos de asistir coa toma do peñasco Perejil pegado á costa do Magreb, mentras Andalucía ten que aguantar que nunha parte da súa costa os ingleses disfruten do Peñón de Gibraltar, falta de respecto ós pobos e a natura, que se fai inventada sobre o papel.