Andaba eu estes días do máis amolada co asunto Perexil. De súpeto éramos outra vez o cu do mundo, como nos tempos nos que saíamos ó extranxeiro a aprender idiomas e a pasar a vergoña de vivir nunha dictadura e de ter perdidos pola guerra civil e o exilio ós nosos mellores escritores. Aqueles tempos nos que críamos, coitadiños de nós, que, sendo unha democracia, xa se nos amañarían todos os problemas e seríamos como os alemáns, os franceses, os ingleses ou os italiáns. E, en certo modo, algúns seguimos a pensalo. Aínda hoxe, cando nos aeroportos vexo a letreiro de cidadáns da Comunidade Europea, dame certa satisfacción pasar por aquela porta que estivo tantos anos pechada para nós. A cousa foi que se me caeu o alma ós pes ó ver que media ducia de mouros se instalaba nunha illa que considerábamos nosa e que a OTAN dicía que aquelo era un asunto bilateral, e os Estados Unidos calaban como raposos, e nós recurrimos á comunidade, que parecía que nos apoiaba, pero os mouros seguían alí, tan panchos eles, sabendo moi ben a quen lla fan, porque a boa hora se lles meten ós ingleses nunha illa, xa se ve o que pasóu nas Malvinas, e os franceses que lles vou contar, ata bombas atómicas tiran se lles sae da grandeur ; en fin, que nós éramos outra vez o cu do mundo, como lles dicía... Con todo esto, a unha esquécenselle as crenzas pacifistas e antibelicistas e xa penso como aquel paisano que lle expricaba a outro que o de Xibraltar era como se a ti se che meten na cociña da casa uns individuos. O que había que facer, estaba claro, era botalos fóra, sempre que un sexa máis forte, puntualizaba, porque senón non quedaba máis remedio que amolarse, que era xusto o noxo caso. Coa pérfida Albión teremos que amolarnos e aguantalos na casa ademais de ter que utilizar o seu idioma tan pronto como botas o pé fora dela, pero ¡ós mouros! Eso xa era demasiado aguantar, sobre todo agora que temos un exército profesional, que para eso está, e non aqueles pobres reclutas de antes. Así que lles digo que fiquei encantada coa gloriosa Operación Desaloxe . A verdade é que me gustaría que os mouros tivesen resistido algo e que foxen algúns máis de media ducia, da cal tres estaban durmindo cando chegaron os nosos infantes de marina, lexionarios, fragatas e helicópteros. Pero, en todo caso, a falta de Xibraltar, bos son perexiles.