19 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A cuestión non está na illa de Laila, tamén chamada do Coral, ou PerezGil, ou Perejil, un cebezo de pedras a douscentos metros da costa, ocupado por unha ducia de cabras, que anda estes días (perigosamente) na primeira páxina dos xornais. A cuestión, para calquera observador minimamente avisado, é bastante máis seria. O meu avó estivo na guerra de Marrocos. Foi unha auténtica traxedia, un cúmulo de desacertos e de frustracións, abondo sinaladas nos manuais de historia, que marcaron a toda unha xeración e de consecuencias certamente importantes na España do século XX. Non digo que vaiamos volver por esas. Pero conviría non perder a referencia. Detrás dos acontecementos recentes da illa Perejil, señoreada agora coa bandeira española, están as relacións difíciles, bastante entrapalladas nos últimos tempos, co veciño reino de Marrocos, asunto clave na política exterior do Estado e que afecta a Galicia tamén (e a Europa toda). O Sahara, por exemplo. Moito máis ca Ceuta e Melilla, que tamén. O conflicto saharaui é unha grave cuestión pendente que, malia as resolucións da ONU e a heroica resistencia do pobo saharaui nas areas de Tinduf durante case trinta anos, non só non se resolveu aínda senón que, nos últimos tempos, moi principalmente despois dos acontecementos do 11 de setembro de 2001, adquiríu unha significación de alto carácter estratéxico para as primeiras potencias, moi especialmente para os Estados Unidos (e Francia). Ordenamento internacional Unha vez máis, a cuestión atinxe ó posible ordenamento (ou reordenamento) internacional, e plantea a operatividade obxectiva da primeira institución representativa dese ordenamento: a ONU. Estados Unidos ten planos moi concretos para o norte de África. Logo da morte do rei Hasan, impulsor daquela Marcha Verde (1975) que ocupou unilateralmente o territorio saharaui cando as Nacións Unidas proclamaban a súa autodeterminación, a política exterior norteamericana inicou unha serie de movementos de aproximación ó reino alahuita que se concretarán en breve por parte da ONU na revisión do estatus saharaui, o que significa o recoñecemento das demandas marroquinas sobre antiga colonia española. Hai intereses económicos (petróleo, caladoiros de pesca, minerais) e intereses políticos: a estabilidade pro-occidental do Magreb, en plena escalada radical islámica, cun Túnez confuso, unha Alxeria extraordinariamente axitada, a Libia de Gadafi e un Exipto inestable. Observe o lector os movementos das últimos horas: esa pretendida consulta ou mediación da ambaixada americana en Marrocos, a intervención de Francia bloqueando a posición da Unión Europea, os editoriais da prensa británica, as exploracións petrolíferas que dende hai meses se veñen facendo na costa saharaui... Engadamos a isto a cuestión emigrante, a riqueza da plataforma pesqueira, o radicalismo islámico internacional, o tráfico de droga nas costas do sur de Europa, os intereses económicos das empresas europeas naquel país (Francia, Portugal, España...), a propia realidade interma do estado alahuita... O goberno de Aznar rompeu as pontes de comunicación co goberno marroquino. A ONU vai tratar nas próximas semanas o contencioso saharaui. Marrocos, simplemente, apreta o acelerador. Unha vez máis, repito, aquí ninguén é inocente. Agás os campamentos de Tinduf, abandonados de todos dende hai tempo, tamén da administración española (xa cos socialistas).