No folclore galego abundan os contos e as lendas sobre entes fabulosos, segundo os cales, o home vive envolto en forzas misteriosas e rodeado de seres invisibles que poboan o aire, os ríos, as fontes e as corredoiras. Dentro dese mundo misterioso destacamos tres seres con forma feminina: as lumias, as lurpias e as ouvas. Explica Eladio Rodríguez González no Breviario enciclopédico que as lumias son monstros que teñen cara de muller fermosa e corpo de dragón. Enfeitizan os homes atraéndoos para exercer sobre eles o seu influxo maléfico ata consumilos. Sen embargo, non producen efectos tan nocivos coma as lurpias, as meigas máis perversas, como expresa Rosalía de Castro en Cantares Galegos : «E tal medo me puñeches que xa de aquí non sairá/ sin levar santos escritos/ e medalliñas benditas/ nun lado do meu xustillo, / xunto dunha negra figa, / que me librasen das meigas e mais das lurpias dañinas./ Que te libren de ti/ pídelle a Dios, rapariga,/ que somos nós para nós/ as lurpias máis enemigas». As ouvas son outros seres sobrenaturais con poderes maléficos. De acordo coa tradición, identifícanse cunha especie de vampiros que zugan o sangue das persoas. Parecidas ás sereas, son espectros que saen dos cemiterios para facer dano. Na actualidade, o substantivo lurpia ten estendido o seu significado. Designa a calquera muller perversa e enredante. Tamén a aquela de costumes pouco honrosos. Hoxe en día é un insulto común no galego coloquial: «¡Esa é unha lurpia! Quere quitarche o mozo».