DIMISIÓN DUNHA POLÍTICA

OPINIÓN

A política interesa pouco á xente porque, como dí V. Verdú, a muitos políticos a xente parece importarlles pouco. Cando se dí que unha decisión se toma en clave política, case sempre significa que a xente non vai entendela; por muito que para os políticos, en canto grupo de intereses dos que se adican e viven da política, teña sentido. As decisións políticas da cidadanía, xeralmente por mágoa só como votantes ocasionais, non se toman nesa caste de clave política da que falan os partidos. Para quen vota soe contar o pouso da tradición dunha ideoloxía adquirida, unha miga os intereses concretos, vagamente as ofertas programáticas, bastante as posibilidades de acadar poder para levalas a cabo, abondo que nos partidos se entendan entre eles, porque non se perdoa o cainismo e, coido que muito, as imaxes éticas que proxectan os políticos. Quizais estas claves expliquen a traxectoria da concellala compostelana Encarna Otero, que empezou presentándose ao consistorio sen éxito, estivo catro anos soa, catro máis a dúo e leva tres de vicealcaldesa con catro compañeiros. Coñecida e campechana, a ela interésalle a xente e a xente nótao. Os votantes perciben cando son despreciados. Case sempre ven aos políticos como lonxanos e por iso aprecian tanto unha dimisión que os devolva á categoría de simples cidadáns. Intríganme as dimisións dos políticos. Son corredores de fondo. Semella que sempre han estar aí que, pase o que pase, atúrano todo. Hainos que non. Dimiten por dignidade ou porque os obrigan, ou pola combinación desas dúas razóns principais. Por dignidade só pode dimitirse en situación de libertade. Non había dimisións no franquismo. Ninguén lembra un ministro da Dictadura dimitindo; agás nos últimos anos, cando Fraga, enterado de que ían cesalo polo de Matesa, adiantouse, ou cando Barrera de Irimo se solidarizou co cesado Pío Cabanillas (Gallas) ao comprobar que a apertura de Arias Navarro tiña límites infranqueables. Tampouco dimite ninguén en Batasuna. Claro.