O BANCO DE ESPAÑA

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

14 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Refírome ó edificio que acolle á delegación deste banco chantado na praza das Platerías, de Santiago de Compostela. Da súa entidade como estrutura financieira a penas sei algo. Sábese que tivo antecedentes como banco emisor no século XVIII no Banco de San Carlos, no de San Fernando e no de Isabel II, este de vida brevísima. A mediados do século XIX é cando se da forma a un Banco de España, e no 1962 nacionalízase, dando a entender que o Banco de España anterior a esta data era unha entidade privada, e debería selo pola defensa que facían del as forzas da clase alta compostelana fronte ó Concello de Santiago. Sería ben que alguén estudase estas cousas, mais xa se sabe que os economistas, en xeral, non queren ser molestos co capitalismo descobríndolle as tripas. Exactamente no lugar que ocupa hoxe asentábasse un grupo de edificios coñecidos por «as casas de Espinosa». O principal era obra do arquitecto Domingo de Andrade. No baixo do que facía esquina entorpecendo a entrada da Rúa do Vilar, estaba a Sastrería Iglesias. Durante os anos da II República apareceu un contencioso entre o Banco de España e o Concello de Santiago. O banco mercara as casas de Espinosa e quería derribalas para facer alí a súa sede principal, e o Concello non podía acceder a elo pois toda a praza das Platerías estaba protexida como Monumento Nacional, e para non perxudicar ó banco ofrecíalle en permuta un solar na Senra. Eu escoitaba na miña casa a crítica que se facía no Concello, do que meu pai era funcionario, sobre as pretensións non santas dos mandamáis do banco. Cando no 36 estala a Guerra Civil, os gobernantes do banco deberon pensar: «Esta é a nosa; non hai que perder tempo, pois se a sublevación fracasa xa só escombros deberán ser as casas de Espinosa». Antes de rematar o ano 36 as casas foran derrubadas e o solar ficou libre. Aínda tardaron en comenzar a obra. Kasado aproveitou para facer unhas fermosas fotografías nas que gana a perspectiva dos edificios da praza. Eu tardara moito tempo en voltar a Santiago e non sei cando o banco empezou a construcción. Si soupen por Sotomayor, ó que que con algunha frecuencia vía no Museo do Prado, que conseguira que a Academia de San Fernando obrigara ó banco a botar abaixo a fachada que fixeran, obrigándolles a facer outra máis acorde co entorno. Sotomayor estaba indignado, pero cando coñecín a Chamoso Lamas a súa indignación era maior pola destrucción da obra de Domingo de Andrade. O actual edificio do Banco de España na praza das Platerías segue a ser un disparate. Trátase dun pastiche imitando barroco. O pior é que está fóra de escala en relación cos edificios que ten a praza. A fachenda faraónica da fachada ten as súas fiestras da primeira planta a nivel da segunda dos edificios auténticos que a rodean. Dinamitar este edificio podría danar ós auténticos, habería que desmontalo. Incorporar o solar á praza sería unha bendición para Santiago, peregrinos e turistas. Anímense queridos munícipes a levar adiante esta limpeza agora que se vai sacar o contido deste pastiche. O futuro váillelo premiar e se non o fan váillelo demandar por non saber limpar a Santiago das cousas falsas.